INFRAESTRUCTURAS INICIATIVAS

O PSdeG-PSOE logra o apoio para o corredor ferroviario atlántico de mercadorías

O PSDEG-PSOE RECLAMA Á DEPUTACIÓN DE OURENSE QUE APOIE SEN DEMORA A DECLARACIÓN INSTITUCIONAL DO EIXO ATLÁNTICO PARA INCLUIR A GALICIA NO CORREDOR FERROVIARIO EUROPEO

Francisco Fraga denuncia que o PP ourensán está a “marear a perdiz” con esta declaración para non molestar o seu xefe, o señor Núñez Feijóo, que capitaneou o seu propio documento sobre este asunto”

De non acadar a inclusión da liña entre Ourense e Palencia agora, Galicia non podería optar ás inxentes cantidades de cartos europeos dos fondos Conectar Europa ata o ano 2027, como mínimo

Ourense, 27 de abril de 2018. Durante o pleno da Deputación de Ourense do mes de abril, os socialistas reclamaron ó goberno provincial do PP que apoie sen demora, a declaración institucional do Eixo Atlántico do Noroeste Península para sumar a Galicia no corredor ferroviario de mercancías atlántico da Unión Europea (UE), e se deixe de marear a perdiz para non molestar ó seu xefe, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo. Os socialistas presentaron unha moción para que o pleno se sume a esta declaración pactada polas entidades, asociacións, sindicatos, concellos e grupos políticos do Eixo Atlántico, na que se defenden os intereses da provincia e se recollen, con todo detalle, as razóns técnicas e sociodemográficas polas que a liña ferroviaria Ourense-Monforte-Valdeorras-Palencia debería formar deste corredor da UE.

Finalmente foi acordada unha declaración institucional da Deputación apoiada por todos os grupos políticos, baseada na iniciativa impulsada polo PSdeG-PSOE.

O portavoz dos socialistas, Francisco Fraga, defende que “é fundamental que todas as forzas políticas e institucións públicas de Ourense se posicionen a favor desta importe declaración do Eixo Atlántico, porque o texto consensuado por todas as entidades e forzas políticas, defende con solidez os intereses reais da nosa provincia no tocante ás infraestruturas e as necesidades empresariais”. “Sabemos que o PP da Deputación estivo a marear a perdiz con esta declaración institucional para non molestar o seu xefe, o señor Núñez Feijóo, que capitaneou o seu propio documento sobre este mesmo asunto cos gobernos autonómicos de Castela e León e Asturias, pero é incomprensible que os conservadores poñan os intereses do partido por riba dos intereses da provincia co único fin de aplaudir o seu líder”, denuncia o portavoz. “Apoiar este texto sí que é ourensanía, pero de verdade e non de postureo”, asevera Fraga.

Corredor Atlantico Mercancias Ferroviarias
Corredor ferroviario de mercadorías da UE que exclúe a Galicia

A inclusión neste corredor é fundamental para que Ourense poidan optar á vindeira convocatoria de axudas europeas para proxectos prioritarios dos fondos Conectar Europa (CEF). De non acadar este obxectivo agora, Galicia non podería optar a estas inxentes cantidades de cartos europeos ata o ano 2027, como mínimo.