INICIATIVAS POLÍTICA PROVINCIAL

PP: Partido Plaxiador de Ourense

OS SOCIALISTAS DENUNCIAN QUE BALTAR ROUBA INICIATIVAS DO PSDEG-PSOE PARA MELLORAR OURENSE PORQUE O PP UNICAMENTE SABE VENDER FUME DURANTE AS ELECCIÓNS

Ourense, 27 de abril de 2018. Os socialistas veñen de denunciar no pleno de abril da Deputación, que Baltar rouba iniciativas do PSdeG-PSOE para mellorar Ourense, porque o PP unicamente sabe vender fume durante as eleccións mediante propostas rimbombantes que se evaporan. E como os conservadores son incapaces de defender as súas fracasadas ideas, teñen que roubar e plaxiar a iniciativa socialista que aposta pola creación dunha base da Unidade Militar de Emerxencias (UME) na provincia, unha idea apoiada pola práctica totalidade dos axentes sociais e económicos.

Francisco Fraga durante o pleno
Francisco Fraga durante o pleno

Durante o pleno, o portavoz, Francisco Fraga, defendeu que o PP ten que “apropiarse” das iniciativas socialistas porque “unicamente saben vender fume durante as eleccións con proxectos rimbombantes que logo quedan en nada”, e citou, entre outros, os coches eléctricos en Melón, a gran industria cárnica de Xinzo ou a base de avións en Trasmiras. O deputado cuestionou o papel xogado polo PP ante a negativa do Goberno central: “Tan faltos de ideas están no PP que teñen que copiar as nosas propostas?”, cuestionou. “Este non é un asunto exclusivamente militar e pregúntome se consideramos os incendios que asolan a provincia cada ano como unha emerxencia, e se adicamos recursos dabondo ós lumes”, matizou. “A moción do PP ten motivos espúreos. Nós queremos un servizo antilumes civil e non militar, e se vostedes pretendían que votaramos diferente á proposta do noso secretario xeral, saiban que iso non vai suceder”, concluíu.

Previamente ó debate no pleno provincial, o secretario xeral provincial, Rafael Rodríguez Villarino, e o portavoz na Deputación, Francisco Fraga, compareceron acompañados por outros cargos do partido, para revelar a existencia dunha carta do presidente, Mariano Rajoy, na que denega taxantamente a creación dunha base de UME porque, segundo explica o Ministerio de Defensa, é innecesaria, deixando en evidencia ó PP de Baltar tras roubarlle esta iniciativa ó PSdeG-PSOE.

Na carta, a presidencia do Goberno explica que Galicia depende directamente da base da UME que existe en León e recorda que, no caso de ser necesario, poden establecerse destacamentos temporais dentro de territorio galego. E así, o Ministerio de Defensa conclúe que non é necesaria unha nova base en territorio galego. Villarino explicou que a proposta de creación da UME, que foi “recibida con ilusión e entusiasmo pola cidadanía”, permitiu “facer un test” ós restantes grupos políticos cuns resultados “catastróficos”. Sobre o PP dixo que a proposta evidenciou “plaxio” e “descordinación”, e preguntou que vai facer o partido conservador -votar a favor ou en contra- ó respecto dunha idea que o seu propio xefe veta. “Cabe unha posibilidade mais penosa, que non soubesen que Rajoy nega esta base da UME e por iso plaxiaron a idea socialista”, aseverou. “Non teñen vergoña ningunha”, insistiu.


Audio da rolda de prensa sobre a UME previa ó pleno

Sobre a postura de DO, Rodríguez Villarino dixo que “aproveitan unha filtración interesada á prensa para asegurar que todo o mundo engana á cidadanía”. Sobre o BNG afirmou que “en vez de defender á provincia, enlodan o asunto por intereses espúreos”, recordando ademais que, por exemplo, na base da UME de León non hai ningún problema ou conflito de interés co servizo de extinción forestal ou civil. “Crean un problema artificial para gañar protagonismo”, concluiu o secretario provincial do PSdeG-PSOE.