Denuncias INFRAESTRUCTURAS

O PP paraliza o último tramo do AVE desde hai 8 anos

OS SOCIALISTAS DENUNCIAN QUE O PP MANTÉN PARALIZADAS DESDE HAI OITO ANOS AS OBRAS DO TRAMO DO AVE ENTRE SEIXALVO E A ESTACIÓN DE OURENSE

O tramo Seixalvo-Estación de Ourense ten todos os trámites rematados desde o 25 de novembro de 2011 e o goberno de Zapatero incluso deixou elaborados os proxectos, pero o PP non lle adica cartos

Francisco Fraga denuncia que o PP, co beneplácito de Baltar, “meteu este tramo nun caixón hai 8 anos e alí quedou mentres pasean por Galicia vendendo propaganda como se fosen Mister Marshall”

Ourense, 10 de maio de 2018. Fronte a propaganda, datos. O PP mantén paralizadas as obras do tramo da liña de alta velocidade (LAV) entre Seixalvo e a estación de Ourense desde hai oitos, un período de tempo suficiente para licitar, adxudicar e rematar as obras dos últimos quilómetros da nova liña entre Madrid e Galicia. Un tramo duns 8 quilómetros que, ademais, é fundamental para a terceira cidade de Galicia, pois permitiría liberar o actual corredor ferroviario convencional que parte Ourense en dous, de norte a sur.

O tramo de 17 quilómetros da LAV entre Taboadela e Ourense divídese en dous tramos totalmente independentes máis curtos: Taboadela-Seixalvo (que sufriu numerosos recortes técnicos desde que o PP volveu á Moncloa que provocaron a revisión da declaración de impacto ambiental, que foi aprobada en xuño de 2017 de forma definitiva) e Seixalvo-Estación de Ourense. Este último tramo ten todos os trámites administrativos rematados á espera de cartos para as obras desde o 25 de novembro de 2011, cando foi emitida a resolución de declaración de impacto ambiental por parte da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental. O proxecto da Dirección Xeral de Ferrocarrís fora entregado a Medio Ambiente tres anos antes, o 12 de marzo de 2008, e durante ese período de tres anos o goberno de José Luis Rodríguez Zapatero sustanciou todos os trámites e incluso deixou redactados os proxectos, que foron elaborados durante o ano 2011.

“Desde finais de 2011 meteron este tramo do AVE nun caixón e alí quedou. Non moveron nin un so papel nin puxeron un euro para obras, cando os trámites xa os deixou rematados o goberno socialista”, denuncia o portavoz provincial do PSdeG-PSOE, Francisco Fraga. “É vergoñento que o ministro de Fomento, Iñigo de la Serna, veña a Ourense a presentar só un selo cando o PP mantén esta obra absolutamente paralizada desde hai 8 anos”, destaca Fraga antes de recordar que “o tramo entre Seixalvo e a estación de ferrocarril xa podería estar rematado se o PP quixera, pero non quere porque marxina descaradamente a Ourense e o único que trae para esta provincia é o timo da estampiña”.

Declaracións de Francisco Fraga

O portavoz conclúe: “Os socialistas esiximos ó PP que se deixe de propaganda e se poña a traballar. Por moito que paseen por Galicia entre aplausos e bicos dos seus, non son Mister Marshall. Os conservadores, co beneplácito de Baltar que non reclama absolutamente nada e non di esta boca es mía, son os responsables de que as obras máis importantes de Ourense como esta, estean en barbeito, paralizadas e sen cartos. Non debemos esquecer que a variante exterior recibe 0 euros nos Orzamentos xerais do estado de 2018”.

tramificacion_tav_ourense