INICIATIVAS SERVIZOS PÚBLICOS

Esiximos a reapertura da piscina do Parque Tecnolóxico de Galicia

O PSDEG-PSOE DEMANDA Á DEPUTACIÓN DE OURENSE E Á XUNTA QUE ARRANXEN A DESFEITA E REABRAN INMEDIATAMENTE A PISCINA DO PARQUE TECNOLÓXICO DE GALICIA

Os socialistas reclaman ó PP as obras urxentes necesarias e un convenio para a súa reapertura este mesmo verán, logo de tres anos de peche e abandono absoluto do complexo acuático e deportivo

Francisco Fraga denuncia que as instalacións “foron pechadas e están a sufrir un importante deterioro polo abandono intencionado, casualmente desde que Eulen xestiona as piscinas de Monterrei”.

Ourense, 11 de maio de 2018. O PSdeG-PSOE reclama á Deputación de Ourense e á Xunta, que arranxen inmediatamente a desfeita e reabran o complexo deportivo do Parque Tecnolóxico de Galicia, pechado e abandonado desde hai catro anos. Unha moción que se debaterá no vindeiro pleno provincial do mes de maio, solicita que a Deputación e o Goberno galego renoven o acordo que permitía, cada verán, a apertura destas instalacións públicas. A moción tamén demanda que se determinen e realicen de urxencia, as actuacións administrativas e as obras de mantemento necesarias para proceder á apertura este verán.

A piscina da tecnópole galega viña prestando, desde hai décadas, un servizo moi demandado por miles de persoas da cidade de Ourense e dos concellos da súa área metropolitana que, cada verán, se achegaban a estas instalacións da Xunta, xestionadas directamente pola Deputación mediante a firma de sucesivos convenios anuais. Mais desde o ano 2015, o complexo acuático e de ocio permanece pechado e abandonado, furtando á cidadanía o seu uso.

O portavoz dos PSdeG-PSOE na Deputación, Francisco Fraga, explica que as instalacións “por razóns que descoñecemos foron pechadas sen explicación algunha, e ademais están a sufrir un importante deterioro debido ó vergoñento abandono intencionado que lle están a aplicar”. “A piscina ofertou un servizo moi usado por miles de persoas, polo que deberían poñerse de acordo novamente para devolverlle á cidadanía unhas instalacións públicas que son de todos e todas”, destaca. Fraga asevera que os trámites para a reapertura poden facerse “rápido se hai vontade por parte do PP”, e recorda que durante estes últimos anos, a Xunta “si mantivo aberto e ben lucido o complexo acuático de Monterrei, a moi pouca distancia da piscina do Parque Tecnolóxico, casualmente pechada desde que a empresa Eulen pasou a xestionar a concesión de Monterrei, que teñen uns prezos, tanto para adultos como para a cativada, máis elevados”.

El pase de diapositivas requiere JavaScript.

Os socialistas salientan que non debemos esquecer que a Deputación ofreceu durante lustros, dentro da súa oferta deportiva, ó acceso libre a estas instalacións do Parque Tecnolóxico, ás persoas posuidoras dalgún dos abonos anuais para os servizos deportivos que a institución presta no Pazo dos Deportes Paco Paz.

Fraga denuncia que “un verán mais, e xa van catro consecutivos, parece que nin a Deputación nin a Xunta teñen intención algunha de realizar motu proprio as obras de adecuación e saneamento necesarias para reabrir as instalacións, nin de firmar o convenio para a súa xestión, furtando novamente á cidadanía do uso dun ben construído e pagado con cartos públicos”. O PSdeG-PSOE tamén lembra que, ademais da piscina, o complexo deportivo da tecnópole inclúe varias pistas de tenis e tres campos de fútbol, unhas instalacións igualmente abandonadas que no seu día foron utilizados por varios equipos deportivos da provincia para os seus adestramentos, e tamén por moitos ourensáns amantes do tenis e do fútbol. “O Goberno de Feijóo mantén pechadas e abandonadas intencionadamente e sen explicar por que, coa complicidade da Deputación de Ourense, instalacións públicas que deberían estar en funcionamento”, conclúen.