DEREITOS SOCIAIS INICIATIVAS

Denunciamos problemas por sesgo de xénero na obtención da nacionalidade española no estranxeiro

O PSDEG-PSOE DE OURENSE DENUNCIA O SESGO DE XÉNERO QUE SE ESTÁ A PRODUCIR NA OBTENCIÓN DA NACIONALIDADE PARA OS CIDADÁNS ESPAÑOIS RESIDENTES NO ESTRANXEIRO

En Ourense houbo un fluxo migratorio con destino ó estranxeiro dunhas 15.000 persoas desde o 2008. Na súa maioría, persoas xoves, descendentes, en moitos casos, dos novos emigrantes económicos.

Francisco Fraga incide en que “se ben todos os casos son graves, encontrámonos cun bo número deles que responden a un patrón no que se da un sesgo de xénero”

Ourense, 17 de maio de 2018. O PSdeG-PSOE reclamará no pleno de maio da Deputación de Ourense que se inste ó Goberno central á posta en marcha dunha Lei de Nacionalidade consensuada, que ampare os dereitos de toda a cidadanía española no exterior, ante o aumento, nos últimos anos, de españois residentes no exterior e o sesgo de xénero e idade que se está a producir na aplicación da Lei 52/2007, a causa do cal se están vendo afectados numerosos descendentes no estranxeiro.

Desde xaneiro de 2012, cífrase en máis de 1,3 millóns de persoas as que saíron do noso país buscando oportunidades que aquí lles son denegadas. Na provincia de Ourense houbo un fluxo migratorio con destino ó estranxeiro de máis de 15.000 persoas desde o 2008. Unha boa parte deses españois emigrados son persoas novas e mozas. De feito, un 17% dos residentes no exterior é menor de 19 anos. O grupo provincial socialista apunta que “os niveis de protección destes novos emigrantes descendeu, por exemplo, trala medida de retirada da tarxeta sanitaria ós 90 días”.

A pesar da aprobación da Lei 52/2007 pola que se amplían e se recoñecen os dereitos das persoas que sufriron persecución ideolóxica ou violencia, despois do golpe de estado dos franquistas contra o goberno lexítimo e a posterior ditadura, e se ampliaban os supostos de acceso á nacionalidade española para os descendentes de primeiro grado dos exiliados, hoxe en día, atopámonos con demasiados casos que deben ser reparados.

O voceiro, Francisco Fraga incide en que “se ben todos os casos son graves, encontrámonos cun bo número deles que responden a un patrón no que se da un sesgo de xénero”. “Este sesgo vese reflictido con frecuencia nas migracións masivas de galegas cara países europeos (Alemaña, Suíza, Francia, Reino Unido, etc.) durante as décadas dos anos 60 e 70, onde as mulleres perderon os seus dereitos nacionais como consecuencia dos matrimonios mixtos con outras persoas de distinta orixe”, explica.

A Lei 52/2007 soamente permitiu acceder á nacionalidade ós/ás netos/as daquelas españolas que tiveron que emigrar nun período comprendido entre 1936 e 1955 por cuestións políticas, pero non se contemplaron os casos posteriores, nos que se produciu unha emigración de tipo económico na súa maioría. Fraga explica que “os socialistas consideran necesario ampliar esta lei e recoñecer os dereitos de moitas mulleres españolas que tiveron que abandonar España na procura dun mellor porvir ante a desfeita da ditadura”.

Así mesmo, prodúcese un sesgo de idade, por medio da disposición adicional 7ª desa mesma lei, onde se dispón a transmisión da nacionalidade ós fillos e fillas sempre que estes fosen menores de idade. Polo tanto, naquel momento os que tiveran feito os 18 anos non puideron acceder á nacionalidade española. “Esa diferenza xerou un caos no seo de moitas familias, divididas polas diversas condicións nacionais dos seus membros baixo un mesmo teito”, sinala Fraga.

Danse tamén outros problemas como a imposibilidade de transmitir a nacionalidade española de orixe ós descendentes que non naceron antes da renuncia forzada á dobre ou triple nacionalidade, a causa da lexislación nos países de acollida. Este problema súmase ós casos de netos e netas que, a pesar de adquirir a nacionalidade nun primeiro momento, posteriormente foilles privada por non tela ratificado pola información e os breves prazos que se deron para facelo ó cumprir a maioría de idade.