Denuncias INFRAESTRUCTURAS

Demandamos a inmediata rebaixa dos prezos do Avant a Santiago e A Coruña

O PSDEG-PSOE DEMANDA UNHA REBAIXA NAS TARIFAS DO AVANT ENTRE OURENSE E SANTIAGO TRAS CONVERTIRSE NA SEGUNDA RELACIÓN DE MEDIA DISTANCIA MÁIS EMPREGADA DE GALICIA

Unha orden política da exministra de Fomento, Ana Pastor, impediu a Renfe aplicar subas nas tarifas no Eixo Atlántico, a pesar da mellora de tempos e prestacións, suba que sí aplicaron ó traxecto con Ourense

Francisco Fraga recorda o acordo parlamentario unánime pola rebaixa e asegura que “esta marxinación contra Ourense non pode seguir vixente, con tarifas abusivas que saquean os petos dos viaxeiros”

Ourense, 16 de maio de 2018. O PSdeG-PSOE demanda a inmediata rebaixa nas tarifas do servizo de ferrocarril Avant entre Ourense e A Coruña, tras converterse na segunda relación de media distancia (MD) de Galicia con máis viaxeiros. No 2017, o tren que une Ourense con A Coruña tivo 704.000 usuarios e usuarias en todas as súas relacións. A meirande parte deses viaxeiros –máis de medio millón– viaxaron entre Ourense e Santiago, sendo o segundo traxecto MD de Galicia con máis viaxeiros, só por detrás da viaxe A Coruña-Santiago, que supera amplamente o millón de usuarios anuais. O traxecto entre a capital ourensá e Compostela, a pesar de ser un 66 % máis caro, tivo máis usuarios que as viaxes punto a punto entre Vigo e A Coruña ou entre Vigo e Santiago.

O portavoz provincial do PSdeG-PSOE, Francisco Fraga, asegura que “esta clara marxinación contra Ourense non pode seguir vixente, con tarifas abusivas que están a saquear os petos dos viaxeiros, mentres nos traxectos do Eixo Atlántico gozan de prezos moito máis baixos”. “Eses prezos son un escándalo, e a pesar de ter tarifas abusadoras e de ser unha provincia cunha renta máis baixa, é sorprendente que Ourense teña máis viaxeiros que a relación punto a punto entre as dúas maiores cidades de Galicia”, asevera. Fraga recorda que “o Parlamento aprobou o pasado mes de febreiro por unanimidade unha proposición non de lei, na que se esixe ó Goberno central a equiparación de tarifas e frecuencias desde Ourense e, pouco despois, o director xeral de Mobilidade dixo que xa pediran a rebaixa a Fomento, pero meses máis tarde e pesar do éxito de viaxeiros, nada se sabe”.

Os socialistas salientan que, ademais, a ruta Ourense-Santiago-A Coruña creceu en 2017 un 8,5 %, sendo a cuarta ruta de media distancia de España que máis incrementou o seu número de viaxeiros e, por suposto, a que máis creceu de Galicia. “A demanda de viaxeiros existe e Renfe, como empresa pública, debe adecuar os prezos a contorna, así como evitar discriminacións como a que se está a producir con Ourense”, indican. “Cando se inaugurou a reforma do ferrocarril que atravesa o Eixo Atlántico entre Vigo e A Coruña, unha orden política directa da exministra de Fomento, Ana Pastor, impediu a Renfe aplicar unha suba nas tarifas, a pesar da mellora nos tempos e nas prestacións. Polo tanto, se Renfe se nega, o ministro de la Serna debería actuar sen demora para solucionar este problema”, conclúe Fraga antes de salientar que “aínda non sabemos nada do cumprimento do acordo parlamentario porque, para o PP, o reequilibro territorial con Ourense segue a ser ciencia ficción”.