INICIATIVAS SERVIZOS PÚBLICOS

A Deputación, en contra do peche dos informativos locais da Radio Galega

O PSDEG-PSOE LOGRA UNHA DECLARACIÓN INSTITUCIONAL DA DEPUTACIÓN DE OURENSE EN CONTRA DO PECHE DOS INFORMATIVOS LOCAIS DA RADIO GALEGA

A declaración foi proposta polos socialistas durante a última xunta de voceiros e, tras ser consensuada con todos os grupos, foi aprobada por unanimidade no pleno ordinario de maio

Francisco Fraga asegura que a decisión suporá a “eliminación dun servizo público de gran éxito e utilidade a un ano das eleccións municipais” así como “o aumento da centralización da información”

Ourense, 25 de maio de 2018. O PSdeG-PSOE ven de impulsar unha declaración institucional na Deputación de Ourense en contra da supresión dos informativos locais da Radio Galega, unha decisión acordada unilateralmente pola dirección do ente público sen atender a criterios xornalísticos ou empresariais lóxicos. Esta declaración foi proposta polos socialistas durante a xunta de voceiros e tras ser consensuada por todos os grupos (Partido Popular, Partido Socialista Obreiro Español, Democracia Ourensana e Bloque Nacionalista Galego), foi aprobada por unanimidade no pleno ordinario do mes de maio.

Os socialistas consideran a perda dos espazos locais da radio pública en Vigo, A Coruña, Ourense e Lugo “unha decisión moi negativa que suporá unha reducción da calidade da información de proximidade”, un recorte que se suma ó peche das delegacións en Pontevedra e Ferrol executado en 2010. O portavoz, Francisco Fraga, asegura que a decisión suporá a “eliminación dun servizo público de gran éxito e utilidade a un ano das próximas eleccións municipais”, así como “o aumento da centralización e control da información local nun escenario pouco favorable para o PP, posto que a meirande parte dos grandes núcleos de poboación non teñen gobernos conservadores”. E que, a partir de agora, os contidos da información máis próxima serán decididos por un xefe ou xefa desde un despacho da sede central de San Marcos.

A declaración recolle as demandas dos traballadores e traballadoras do ente público e solicita a paralización desta decisión. E, por iso, reclama o reforzo das delegacións e o mantemento destes espazos locais porque “contribúen á pluralidade de voces e temas un dos principios recollidos na Lei de creación da CRTVG”. Así mesmo matiza que a decisión de “salpicar” a programación xeral da Radio Galega con pinceladas dos ámbitos locais, non pode supor a supresión dos informativos locais de referencia para a meirande parte dos cidadáns.