INICIATIVAS SERVIZOS PÚBLICOS

O PP rexeita reabrir inmediatamente a piscina do Parque Tecnolóxico de Galicia

O PP REXEITA ABRIR A PISCINA E AS CANCHAS DEPORTIVAS DO PARQUE TECNOLÓXICO DE GALICIA,PECHADAS INTENCIONADAMENTE HAI CATRO ANOS,  TAL E COMO SOLICITOU O PSDEG-PSOE                                                                

Os conservadores volveron usar o rolete da maioría absoluta, para non respaldar a moción do PSdeG-PSOE que reclamaba a reapertura destas instalacións públicas, e presentaron unha emenda para marear a perdiz

A moción socialista que reclama unha batería de medidas para a Limia, ante a desfeita ocasionada polas chuvias dos últimos meses no sector agrogandeiro, foi aprobada por unanimidade de todos os grupos

Ourense, 25 de maio de 2018. O goberno do PP da Deputación de Ourense converteuse en cómplice do abandono intencionado da piscina e as canchas deportivas do Parque Tecnolóxico de Galicia, ó volver usar o rolete da maioría absoluta, para non respaldar a moción do PSdeG-PSOE que reclamaba a xusta e necesaria reapertura destas instalacións públicas. Os conservadores presentaron e aprobaron unha emenda de substitución na que, para evitar a apertura, marean á perdiz ó reclamar un innecesario informe á Xunta de Galicia, mentres as instalacións van camiño de sumar un lustro pechadas a propósito, furtando o seu uso á cidadanía. A moción rexeitada solicitaba que a Deputación ourensá e o Goberno galego renovasen o acordo que permitía, cada verán, a apertura destas instalacións públicas e que se determinen e realicen de urxencia, as actuacións administrativas e as obras de mantemento necesarias para proceder á apertura este mesmo verán.

O portavoz, Francisco Fraga, asegurou que “por razóns que descoñecemos foron pechadas sen explicación algunha, e ademais están a sufrir un importante deterioro debido ó vergoñento abandono intencionado que lle están a aplicar, casualmente desde que Eulen xestiona as piscinas de Monterrei”. “A piscina ofertou un servizo moi usado por miles de persoas, polo que deberían poñerse de acordo novamente para devolverlle á cidadanía unhas instalacións públicas que son de todos e todas”, destacou. Fraga asevera que os trámites para a reapertura poden facerse “rápido se hai vontade por parte do PP pero parece que ou vostedes non din nada ou na Xunta non lles fan caso”. Así mesmo tamén relatou que os socialistas votaron a favor da emenda do PP porque “é moi parecida” ás reclamacións dos socialistas mais suxeriulle ós conservadores que “deixen de por ovos noutros niños con emendas deste tipo que unicamente buscan apuntarse un tanto que non é de seu”.

Finalmente a moción foi votada a favor por parte de PSdeG-PSOE, DO e BNG, mais o PP votou en contra. A emenda de substitución do PP foi aprobada, tamén cos votos socialistas.