Denuncias POLÍTICA PROVINCIAL

O ‘dedo divino’ de Baltar marxina ó 64% dos concellos

O PSDEG-PSOE DENUNCIA QUE O EMPECINAMENTO DE BALTAR EN MANTER O SEU ‘DEDO DIVINO’ MARXINA Ó 64 POR CENTO DOS MUNICIPIOS DE OURENSE

Francisco Fraga denuncia que “Manuel Baltar vende propagandísticamente unha presunta provincia intelixente 2.0 na que, sen embargo, segue a aplicar prácticas caciquís e decimonónicas”

Os socialistas demandan novamente ó presidente que “entre no rego da democracia moderna e reparta os cartos provinciais mediante un plan único, como xa fan as outras tres deputacións galegas”

 Ourense, 13 de xuño de 2018. O PSdeG-PSOE denuncia que o empecinamento de Manuel Baltar en manter o seu ‘dedo divino’, en lugar de implantar un plan único que reparta os fondos públicos da Deputación de forma xusta e equitativa entre todos os concellos, marxina ó 64 % dos municipios da provincia de Ourense. Os socialistas cuestionan que 59 concellos ourensáns queden fora do acordo asinado coa institución, por importe de máis de dous millóns, para acometer obras como melloras viarias, saneamento e abastecemento, iluminación ou diferentes infraestruturas no rural.

O portavoz, Francisco Fraga, recorda que “os socialistas reclamamos en numerosas ocasións un plan único baseado en criterios obxectivos, co que distribuír estes cartos entre os municipios, independentemente da afiliación política dos gobernos locais” para que “dunha vez por todas o PP deixe de lado a dedocracia no reparto dos cartos públicos de todas e todas que leva exercendo sen pausa un cuarto de século”. “O último capítulo deste reparto clientelar de fondos deixou fóra a 59 municipios ourensáns, nos que viven a meirande parte dos habitantes da provincia, o cal é inxusto e afonda nun problema político e democrático que discrimina ás persoas”, asegura Fraga. “Baltar vende propagandísticamente unha presunta provincia intelixente 2.0 na que segue a aplicar prácticas caciquís e decimonónicas”, destaca.

Os socialistas demandan novamente ó presidente provincial que “entre no rego da democracia plena e moderna e, ó igual que xa fan as outras tres deputacións de Galicia, reparta os cartos provinciais mediante un plan único obxectivo” e poña fin así “a unha actitude antidemocrática coa que segue a usar a Deputación Provincial como unha parcela privada do baltarismo, na que empregan os fondos públicos para pagar favores políticos e afinidades persoais do presidente e do seu partido”.