INFRAESTRUCTURAS SERVIZOS PÚBLICOS

O trilerismo do Baltar co parking de pago do CHUO

O PSDEG-PSOE RECLÁMALLE A BALTAR QUE DEIXE DE POÑERSE MEDALLAS QUE NON LLE CORRESPONDEN E QUE LLE DEMANDE Á XUNTA UN VERDADEIRO PARKING PÚBLICO NO CHUO

O portavoz na Deputación, Francisco Fraga, denuncia o “cinismo e trilerismo” de Manuel Baltar e destaca que, a pesar da rebaixa, estamos ante un novo atraco do PP ás arcas públicas

 Os socialistas queren que a Deputación demande á Xunta a xestión pública e libre do novo aparcadoiro do Hospital Universitario e que non faga regalos á concesionaria do aparcadoiro do Santa María Nai

 Ourense, 8 de xuño de 2018. O PSdeG-PSOE reclámalle a Manuel Baltar que deixe de poñerse medallas que non lle corresponden, e lle demande á Xunta de Galicia un verdadeiro aparcadoiro público no Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO). Os socialistas asisten atónitos a un novo exercicio de demagoxia e trilerismo do presidente provincial, poñéndose a medalla da rebaixa das tarifas no párking do hospital Santa María Nai, cando o propio Baltar negou activa e reiteradamente esa redución de prezos, e unicamente accedeu agora presionado pola campaña dos socialistas reclamando que o párking do novo Hospital Universitario sexa libre e gratuíto.

O portavoz na Deputación, Francisco Fraga, denuncia o “cinismo e trilerismo” de Baltar “que non quixo esixir á Xunta a xestión pública do novo párking público, tras negarse durante anos a rebaixar as tarifas do aparcadoiro propiedade da Deputación, e só accedeu a esta demanda para apuntalar algúns intereses empresariais ó ver perigar os ingresos da concesionaria do párking da Deputación, e trala campaña socialista a prol dun aparcadoiro libre no CHUO”. “Este anuncio é propio de trileiros porque rebaixan as tarifas, pero tamén os custes para a xestora do parking do Santa María Nai”, asevera Fraga antes de recordar que “aínda que a rebaixa beneficiará ó peto dos cidadáns, estamos ante un novo atraco do PP ás arcas públicas por intereses escuros”.

Fraga reclama ó goberno provincial do PP que poña en práctica unha verdadeira ourensanía e demande á Xunta a xestión pública e o acceso libre o novo aparcadoiro do Hospital Universitario de Ourense porque non hai necesidade algunha de regalarllo a unha empresa. Tamén esixe a Baltar que deixe de xogar co patrimonio público provincial e non faga regalos á empresa concesionaria do aparcadoiro do que é titular a Deputación, sociedade á que debería cobrarlle o canon estipulado no contrato, sen rebaixas e favoritismos.