POLÍTICA PROVINCIAL

Balance do mandato a un ano das eleccións

O PSDEG-PSOE FAI BALANCE DA SÚA ACTIVIDADE DURANTE OS TRES ANOS DO ACTUAL MANDATO NA DEPUTACIÓN DE OURENSE E DETALLA OS INCUMPRIMENTOS DE BALTAR

Ourense, 5 de xuño de 2018. Tras tres anos de mandato, o PSdeG-PSOE na Deputación de Ourense fai balance da actividade do grupo provincial socialista e, ademais, detalla os reiterados incumprimentos do presidente, Manuel Baltar, en relación coas necesidades da provincia e incluso co seu propio programa de goberno, englobado no ‘plan 15-19’ que podería ser definido como fume que traen os comicios e o autobombo para consumo propio do presidente provincial.

Francisco Fraga durante un almorzo informativo
Francisco Fraga durante o almorzo informativo cos medios de comunicación

O portavoz na Deputación, Francisco Fraga, asegurou durante un almorzo informativo cos medios de comunicación, que fronte a “transparencia comprada por Baltar, que lle paga a unha empresa para figurar arriba nun ranking, ou co uso torticeiro que pretende facer dos fondos públicos que se lle pagan os grupos políticos, nós apostamos pola transparencia real incluso estando na oposición”. Fraga destacou que este mandato “vai quedar marcado polo seu affair e polas reiteradas peticións de dimisión”, e tamén polo “uso clientelar dos fondos públicos entre os concellos que o PP se empeña en manter en contra da opinión de todos e todas”. “Non debe ser tan complicado cando as outras tres diputacións galegas teñen plans similares”, lembrou antes de denunciar que “a Deputación non pasa a proba do algodón no reparto equitativo dos fondos“.

Fraga destacou algúns moitos dos incumprimentos do goberno caciquil de Baltar e do Partido Popular, que durante estes últimos anos de rolete de políticas conservadoras desde o Pazo da Moncloa e a Xunta de Galicia, provocaron unha catástrofe demográfica e económica na provincia sen que, polo de agora, ninguén presentase ou orzamentase medidas efectivas para solucionar os problemas que afectan o presente o futuro da veciñanza. Fronte a estes carrusel de incumprimentos e recortes, os socialistas da Deputación Provincial presentan un prolixo traballo no que suman 53 mocións para o seu debate no pleno, máis de 460 preguntas e solicitudes de información para resposta escrita, e máis medio cento de preguntas para resposta no pleno. O detalle dalgúns dos logros máis relevantes dos socialistas desde xullo de 2015, pode consultarse premendo neste enlace.

Audio da rolda de prensa de Francisco Fraga

Francisco Fraga durante o almorzo informativo
Francisco Fraga explica os incumprimentos de Baltar

OS INCUMPRIMENTOS DE BALTAR

Hai que lembrar que durante o seu discurso de investidura, Manuel Baltar anunciou “o plan 2015-2019, con 77 medidas  que   serán realidade moito antes das vindeiras eleccións locais”. En outros discursos tamén anunciou outras medidas actualmente invisibles. Moitas delas son simple fume, como demostra a análise dalgúns dos puntos presentados naquel documento:

  • Redución do capítulo de persoal ata o 30% do orzamento.

A día de hoxe, no último ano político de mandato, o capítulo de persoal aínda representa case o 40% do orzamento (39,40%).

  • Intereses finaceiros / Obxectivo endebedamento / Débeda financeira = 0.

Incumprido. No orzamento vixente atopamos, por exemplo, 1,2 millóns para xuros, préstamos e amortizacións. Incluso na última modificación de crédito aprobaron 4,2 millóns para amortizar un préstamo contraído co BBVA.

  • Transporte provincial a demanda.

Baltar anunciou que en xaneiro do 2018 porían en marcha “unha iniciativa de transporte a demanda” que en 2016 “xa estaban a estudar por medio da realización dun plan piloto e a posta en marcha da Rede Provincial de Transportes Públicos”. Nada se sabe desta rede provincial na actualidade.

  • Metro de superficie.

Segundo o plan 15-19 de Baltar, o metro de superficie na cidade de Ourense estará funcionando en marzo de 2019. Quédanlle 9 meses para licitar, adxudicar e facer obras…

  • Axencia Provincial da Enerxía e do Medio Ambiente.

Proxecto sen concretar a pesar de estar no programa de goberno, de ser orzamentado ou de ser anunciado de novo nos debates do estado da provincia. En xaneiro de 2016, o PP incluso rexeitou unha moción do PSdeG-PSOE encamiña á creación efectiva da axencia.

  • Programa europeo H2020 + Impulso ó tren de alta velocidade.

Aceptaron os recortes no ferrocarril de alta velocidade e non reclaman as obras que si se poden licitar xa desde hai 7 anos, coma o último tramo entre Seixalvo e a estación da cidade de Ourense.

  • Centro tecnolóxico con IBM e Vodafone.

Anunciado en xullo de 2016 a bombo e platillo. Dous anos despois, nada se sabe.

  • Servizo provincial de xestión intermunicipal de servizos enerxéticos.

Anunciada o 22 de xullo de 2016. Desde esa data, non se volveu ter nova algunha deste servizo. Forma parte dun paquete de medidas, xunto coa axencia provincial da enerxía e varios proxectos englobados baixo a propaganda da “Provincia Intelixente” que só conlevan a celebración de eventos propagandísticos variados, anuncios en prensa e viaxes sen propósito final e sen aplicación práctica.

  • Promoción do eco-emprego na provincia de Ourense.

Nin eco nin emprego.

  • Programa “ ConciliOU” de políticas demográficas e de igualdade.

Nin rastro.

  • Portal polo emprendemento e diversificación rural.

Anunciouse como solución ó cambio climático e abandono do rural. Non se crea portal algún e o rural vai camiño de ser un deserto demográfico e económico. Este abandono do rural levounos a liderar o ranking estatal de máis vivendas baleiras.

  • Plataforma provincial de participación cidadá.

Sen desenvolver a ferramenta de comunicación e incidencias. Sen comunicación directa co cidadán. Só queixas ou suxerencias no portal de transparencia.

  • Consello Provincial de Responsabilidade e Acción Social.

Sen noticia algunha deste consello.

  • Outros anuncios sen materializar.

– Incrementar a colaboración co Festival de Cine de Ourense.

Este ano 2018  non haberá edición do festival de cine.

– Portal “Ourensemigrante”

O dominio está ocupado por unha páxina de venda de copias chinesas de zapatillas de deporte.

– Plan de Accesibilidade aos Colexios Electorais.
– Centro de Estudos Locais.
– Arquivo Administrativo Provincial.
– Programa “Ouro” para o fomento da actividade física en persoas maiores.

O QUE FIXO O PSDEG-PSOE logo_un_ano_das_eleccions dossier00dossier01dossier02dossier03