FONDOS PÚBLICOS INICIATIVAS

Esiximos frear o reparto caciquil de subvencións para cultura

O PSDEG-PSOE DEMANDARÁ  QUE A DEPUTACIÓN DE OURENSE MODIFIQUE O CACIQUIL SISTEMA DE REPARTO DE SUBVENCIÓNS PARA EVENTOS CULTURAIS

O PP emprega estes fondos públicos como se fose a hucha persoal da familia Baltar para agasallar a dedo ós alcaldes, alcaldesas e outros afíns que aplauden as súas políticas

 O portavoz, Francisco Fraga, denuncia “tufo a caciquismo” e considera que é hora de agrupar todas as axudas mediante unha rede cultural propia da deputación que mellore a calidade e garanta a equidade

 Ourense, 19 de xuño de 2018. O PSdeG-PSOE demandará no pleno ordinario do mes de xuño da Deputación de Ourense, a mellora do caciquil e anticuado sistema de reparto de fondos e subvencións para eventos escénicos e musicais, que o PP ourensá emprega desde hai décadas como se fose a hucha persoal da familia Baltar para agasallar ós alcaldes, alcaldesas e outros afíns que aplauden as súas políticas. A Deputación Provincial adica, segundo os orzamentos, 1,9 millóns ó fomento da cultura, bastantes menos cartos que as restantes entidades provinciais galegas e, para colmo, faino empregado un sistema decimonónico baseado no dedo e a discrecionalidade.

A moción socialista reclama que o Goberno do PP poña en marcha unha rede que agrupe toda a oferta cultural, musical, escénica, audiovisual, recreativa, de festivais e actividades de carácter senlleiro, para que os demandantes das axudas para cooperación –entidades locais, entidades sen ánimo de lucro e comisións de festexos– teñan nunha mesma plataforma e dereito de acceso igualitario. Así mesmo solicita que se establezan criterios de reparto que fomenten a diversificación, o aumento da calidade e o acceso en termos de equidade para compañías e entidades promotoras. Este novo sistema permitiría ter agrupadas todas as liñas de fomento cultural e contar así cunha oferta máis variada e de maior calidade.

O portavoz provincial, Francisco Fraga, recorda que “a política do clientelismo do PP expande os seus tentáculos por todas as prestacións da deputación, o que prexudica seriamente a meirande parte das veciñas e veciños que non comulgan co baltarismo desde os seus municipios”. “Como xa fixemos co plan único de concellos, demandamos que os cartos públicos sexan realmente de toda a veciñanza e a igualdade non quede en simple teoría. Por iso é necesario que o sistema de reparto sexa transparente, equitativo e xusto”, insiste. O PSdeG-PSOE critica que moitos dos euros “son distribuídos a dedo pola porta traseira”, polo que fican fora do plan Tarazana que aglutina estas partidas. “O caciquismo é aínda máis vergoñento, posto que estes euros públicos son repartidos mediante a recurrente técnica do dedo divino ou camuflados dentro doutras actividades subvencionadas varias”, denuncia Fraga.

O grupo socialista considera que é hora de agrupar todas estas liñas de axuda mediante a posta en marcha dunha rede cultural propia da deputación. Con esta rede preténdese ampliar a oferta destinada tanto ós concellos coma ás comisións de festexos e entidades sen ánimo de lucro promotoras, así como garantir a calidade e variedade das compañías adheridas ó programa sufragado con fondos públicos. Tamén defende que hai que modificar as bases reguladoras das subvencións no que respecta ós concellos, pero tamén para establecer un sistema de puntuación que valore as compañías adscritas.

No sistema equitativo e transparente proposto polos socialistas incídese en criterios de valoración como a distribución poboacional dos concellos, o límite nas actuacións previstas por ano, o fomento da lingua propia, o impulso da igualdade, o respecto medioambiental ou a promoción da diversidade cultural, creatividade, innovación e o fomento de artes tradicionais. “A Deputación de Ourense ten como o seu principal obxecto a cooperación cos concellos da provincia, polo que debe mellorar e facilitar economica e tecnicamente o acceso á oferta cultural en igualdade de condicións e poñendo fin as técnicas caciquís que se veñen empregando recurrentemente”, conclúe o portavoz.