Denuncias INFRAESTRUCTURAS

O dobre timo do PP co parking do CHUO

O PP REBAIXA UNILATERALMENTE O CANON QUE PAGA A EMPRESA CONCESIONARIA DO PARKING DO CHUO Ó MESMO TEMPO QUE SE NEGA A ABRIR O NOVO APARCADOIRO DE FORMA LIBRE E GRATUÍTA

Ourense, venres 29 de xuño de 2018. O PSdeG-PSOE criticou durante o pleno de xuño da Deputación de Ourense, o novo timo que o PP vai perpetrar co aparcadoiro que a institución ten no Complexo Hospitalario Universitario, tras aprobar unha beneficiosa rebaixa das tarifas ós usuarios e usuarias, pero tamén un vergoñento recorte do xa irrisorio canon que empresa xestora dese parking paga –22.000 euros fronte os 49.000 que pagaba– por engordar as súas contas a costa de saquear os petos da veciñanza.

O portavoz dos socialistas, Francisco Fraga, denunciou que a concesionaria “sangra ós ourensáns que van alí por necesidade” e recordou que “a rebaixa das tarifas que agora pregonan eran imposibles, casualmente, ata que a empresa vai ter que se enfrontar á competencia doutro parking”. Fraga criticou o “irrisorio” novo canon empresial e encomendou a Manuel Baltar a “recuperar a concesión” porque “polo que van pagar agora casi é mellor recuperar a xestión e rebaixar nós mesmos as tarifas”. Fraga preguntou polo motivo que impediu desfrutar antes do “aparcadoiro hospitalario máis barato de Galicia”, tal e como o está a vender o PP trala rebaixa, sen obter resposta algunha por parte dos conservadores.

Non se debe esquecer que os populares van timar ós ourensáns por duplicado, logo de negarse a abrir de forma libre o aparcadoiro do novo Hospital Universitario, construído e pagado con cartos públicos, pero licitado para ser explotado por unha empresa privada, cando non hai necesidade algunha de facelo, posto que xa foi construído e pagado íntegramente con fondos públicos.  O novo aparcadoiro, que tamén será de pago, sumarase o que xa existe e polo que os e as ourensáns xa pagan tarifas elevadas.