INICIATIVAS POLÍTICA PROVINCIAL

Defendemos a fin do dedo divino de Baltar e o reparto caciquil de fondos

O PSDEG-PSOE DE OURENSE DEFENDE NO PLENO DA DEPUTACIÓN A FIN DO DEDO DIVINO DE BALTAR NO REPARTO DE FONDOS PÚBLICOS ENTRE OS CONCELLOS DA PROVINCIA

O pleno aprobou a moción socialista que reclama mellorar a lei sobre nacionalidade para evitar sesgos pero, por culpa dos votos de PP e DO, rexeitou acabar co reparto caciquil de fondos de Baltar

Os socialistas criticaron o novo timo que o PP vai perpetrar co aparcadoiro do Complexo Hospitalario Universitario, tras aprobar un vergoñento recorte do xa irrisorio canon que empresa xestora paga

 Ourense, 29 de xuño de 2018. O PSdeG-PSOE defendeu no pleno da Deputación de Ourense do mes de xuño, a fin do método do dedo divino que Manuel Baltar emprega no reparto de fondos públicos entre os concellos da provincia. Os socialistas veñen denunciando desde hai anos, o reparto caciquil destes cartos e demandando un plan único baseado en criterios equitativos e igualitarios. Desta vez puxeron o foco nos cartos públicos que, mediante subvenciones, a institución adica ó fomento de todas as formas culturais, reclamando un novo sistema transparente, igualitario e equitativo mediante concorrencia competitiva que permita mellorar a oferta.

A viceportavoz, Susana Rodríguez, detallou a necesidade urxente deste cambio para “acabar coas políticas caciquís” e recordou que a Deputación ourensá adica, segundo os seus orzamentos, 1,9 millóns ó fomento da cultura, bastantes menos cartos que as restantes entidades provinciais galegas “e para colmo faino empregado un sistema baseado no dedo e a discrecionalidade. “A política do clientelismo non pode rexer esta institución”, denunciou. Rodríguez destapou que “ó longo dos últimos anos os beneficiaros, moitos deles do PP, repítense nun 70 %, un dato que evidencia a discrecionalidade”, polo que instou á corporación a “fixar un funcionamento en rede de forma obxectiva”. Tamén salientou que o sistema actual non permite mellorar a oferta.

A moción socialista foi rexeitada a causa dos votos do PP –empeñado en seguir mantendo o seu sistema caciquil de retroalimentación– e de DO, que tamén votou en contra de establecer un sistema equitativo. A proposta reclama a posta en marcha dunha rede que agrupe toda a oferta cultural, musical, escénica, audiovisual, recreativa, de festivais e actividades de carácter senlleiro, para que os demandantes das axudas para cooperación –entidades locais, entidades sen ánimo de lucro e comisións de festexos– teñan nunha mesma plataforma e dereito de acceso igualitario. Así mesmo solicita que se establezan criterios de reparto que fomenten a diversificación, o aumento da calidade e o acceso en equidade para compañías e entidades promotoras. Este novo sistema permitiría ter agrupadas todas as liñas de fomento cultural e contar desta forma cunha oferta máis variada e de maior calidade.