ENCHUFISMO POLÍTICA PROVINCIAL

Volven os enchufes á Deputación de Ourense

O PSDEG-PSOE DEMANDARÁ EXPLICACIÓNS A MANUEL BALTAR TRALA SENTENZA DO TSXG QUE CONFIRMA O BURDO AMAÑO PARA COLOCAR A DEDO A DECENAS DE PERSOAS NA DEPUTACIÓN

Francisco Fraga denuncia que “estamos ante un novo caso confirmado de enchufes masivos” e destaca que “por moitos anos que pasen, os enchufes non pasan de moda no PP de Ourense”

 É a segunda vez que os tribunais emendan a política de persoal de Manuel Baltar logo de anular por ilegal e por “contrario ó principio de boa fe” o ERE que impulsou na Deputación no ano 2012

 Ourense, 3 de xullo de 2018. O PSdeG-PSOE demandará explicacións a Manuel Baltar no vindeiro pleno provincial, trala sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) que confirma o burdo amaño para colocar a dedo a decenas de persoas na Deputación de Ourense. O TSXG ratifica este groseiro amaño para vetar o acceso a todas as persoas –tamén de fóra da Deputación– interesadas neses postos de emprego público. Ademais descobre o dobre cara do presidente provincial, que presume de respectar sempre as decisión xudiciais, salvo neste caso, onde xa criticou ós xuíces. Os socialistas consideran que fallo do máis alto tribunal galego certifica que Manuel Baltar herdou do seu pai a institución e tamén o título de campión dos enchufes.

O portavoz provincial, Francisco Fraga, anuncia unha batería de medidas para que o PP aclare por que vetou a aspirantes e para que detalle canto vai custar as arcas públicas esta reedición da política caciquil. “Estamos ante un claro caso confirmado de enchufes masivos do baltarismo que non respecta a lei, xa que vulneraron os principios básicos de mérito e capacidade”, asegura Fraga antes de insistir en que Baltar “herdou a Deputación de Ourense do seu pai, pero tamén as prácticas ilegais para aproveitarse da institución que preside amoldando o cadro de persoal e os servizos públicos os seus intereses persoais”. “Por moitos anos que pasen, os enchufes non pasan de moda no PP de Ourense”, destaca.

Fraga reclama contratacións na Deputación “limpas, transparentes e legais”, e recorda que esta sentenza é a “segunda labazada dos tribunais á política de persoal de Manuel Baltar, logo de tombar o ERE que vendeu coma un gran acto de responsabilidade que, sen embargo, finalmente resultou ser un incumprimento vergoñento e flagrante da lei, que os maxistrados cualificaron como “absolutamente contrario ó deber de boa fe” recollido na lei.