Denuncias INFRAESTRUCTURAS

Denunciamos o timo das tarifas no aparcadoiro do hospital

OS SOCIALISTAS DENUNCIAN QUE O PARKING DO CHUO NON APLICA AS NOVAS TARIFAS APROBADAS POLO PLENO DA DEPUTACIÓN QUE BALTAR VENDEU PROPAGANDISTICAMENTE

Francisco Fraga considera un “escándalo que a empresa estea a incumprir a concesión coa complicidade de Baltar, que non dixo esta boca es mía” e denuncia unha “mofa descarada contra a cidadanía”

Os socialistas solicitan un informe que valore as consecuencias legais do incumprimento da concesión, as posibles sancións e demanda que se informe á cidadanía do seu dereito a reclamar a devolución

Ourense, 9 de xullo de 2018. O aparcadoiro que a Deputación de Ourense ten no recinto do Complexo Hospitalario Universitario da terceira cidade de Galicia, non está a aplicar as novas tarifas obrigatorias aprobadas polo pleno da institución provincial de xuño. Como se pode observar na imaxe achegada con esta nota de prensa, a concesionaria cobrou 0,80 € por unha estancia de 20 minutos entre as 9.08 e as 9.28 horas o venres 6 de xullo. Segundo os prezos vendidos propagandisticamente por Baltar e aprobados formalmente polo pleno provincial, entre outras modificacións, a primeira media hora debería ser gratuíta desde o día 1 de xullo.

TarjetaCHUO

O portavoz socialista, Francisco Fraga, considera un “escándalo que a empresa estea a incumprir a regulación tarifaria coa complicidade absoluta de Baltar, que non dixo esta boca es mía a pesar desta manifesta ilegalidade”. “Baltar saíu a toda cor nos medios de comunicación para vender como logro persoal unha rebaixa que el mesmo negou ata que lle puxeron competencia ó parking da Deputación, e agora a empresa, para colmo, incumpre as obrigas da concesión”, explica Fraga antes de recordar que a modificación da concesión aprobada polo pleno determina expresamente que as novas tarifas son de aplicación desde o 1 de xullo de 2018. “O timo con todo o relacionado cos aparcadoiros do hospital xestionados polo PP xa é unha mofa descarada contra toda a cidadanía”, denuncia o portavoz.

Acordo pleno parking CHUO
Acordo do pleno modificando as tarifas do parking do CHUO desde o 1 de xullo de 2018

Os socialistas xa rexistraron un escrito reclamando explicacións urxentes á Deputación de Ourense que, como concedente, debe vixiar o cumprimento estrito das condicións legais do contrato de concesión. O escrito demanda un informe técnico que valore este flagrante incumprimento da concesión, as súas consecuencias legais e posible aplicación de sancións á empresa. Tamén empraza á institución provincial a informar á toda cidadanía do seu dereito a solicitar a inmediata devolución dos cobros indebidos aplicados pola empresa Georsa, que está a incumprir manifestamente o acordo plenario que regula os prezos públicos que está obrigada a aplicar desde o 1 de xullo de 2018.

Ningún documento fala do 15 de xullo

O PSdeG-PSOE esixe a Manuel Baltar que se deixe de enredar con propaganda barata e mostre publicamente o documento do pleno provincial –órgano competente para aprobar e regular estas modificacións– que determina a rebaixa das tarifas do aparcadoiro a partir do día 15 de xullo e que ninguén viu. Os socialistas recordan que o único acordo plenario ó respecto é moi claro e nel figura unha rebaixa específica das tarifas xerais “con efectos do 1 de xullo de 2018”, non figurando en ningún lugar a data de mediados de mes que o goberno do PP está a difundir ós medios de comunicación e nas redes sociais.

A interventora da Deputación só certificou o 1 de xullo

Un informe da interventora da Deputación determina que a data de entrada en vigor da gratuidade da primeira media hora e a rebaixa das tarifas xerais, no aparcadoiro era o día 1 de xullo e non o 15 de xullo, tal e como difunde o goberno do PP. No informe, a alta funcionaria determina que “a aprobación das novas tarifas que se pretenden aplicar dende o día 1 de xullo de 2018, que teñen unha directa repercusión no canon que pague a concesionaria poderían ser aprobadas pola xunta de goberno, pero que ó ter unha importante repercusión no canon, parece atinado que coñeza da modificación o pleno”.  Xusto a continuación detalla os novos prezos para as tarifas xerais especificando “primeiros 30 minutos a 0,0€; segundos 30 minutos a 0.025€ minuto, e resto do tempo a 0,020€ minuto”.

En ningún lugar dese documento de 10 páxinas asinado pola interventora figura a data do 15 de xullo que o PP está a difundir propagandísticamente, tras destapar os socialistas cobros que incumpren o acordado polo pleno e, polo tanto, a concesión. Fraga explica que “o documento da intervención é claro e non deixa lugar a dúbidas sobre a entrada en vigor o 1 de xullo, unha data que despois foi refrendada polo pleno”. “A concesionaria está a incumprir o acordo do pleno e o informe da interventora coa total complicidade de Baltar, que se adica a tapar os incumprimentos das empresa no lugar de velar pola legalidade e a concesión”.