INFRAESTRUCTURAS INICIATIVAS

Propoñemos un parking disuasorio xunto ó CHUO

OS SOCIALISTAS PROPOÑEN A CONSTRUCIÓN DUN PARKING DISUASORIO NA CONTORNA DO CHUO ANTE  A INSISTENCIA DO PP EN TIMAR ÓS OURENSÁNS NOS APARCADOIROS EXISTENTES

Fraga defende a “imperiosa necesidade de ofrecer, coma xa se fai en outras cidades similares a Ourense, unha alternativa de aparcamento libre e gratuíta” ás persoas que van obrigadas ó CHUO

A proposta do PSdeG-PSOE para o pleno recolle o sentir xeral dos veciños e veciñas representados a través da Federación Provincial de AA.VV. de Ourense Limiar

Ourense, 13 de xullo de 2018. O PSdeG-PSOE proporá no vindeiro pleno  da Deputación de Ourense, a construción dun parking disuasorio libre e gratuíto na contorna do Complexo Hospitalario Universitario (CHUO) da terceira cidade de Galicia, ante a insistencia do PP en timar ós ourensáns nos dous aparcadoiros públicos existentes no recinto sanitario. Os conservadores manteñen pechado desde hai un ano o parking propiedade da Xunta de Galicia situado nos sotos do novo Hospital Universitario, a pesar de que podería estar en servizo e, por outra banda, manteñen tarifas abusivas no aparcadoiro propiedade da Deputación Provincial que, para colmo, está a incumprir a obrigada rebaixa tarifaria aprobada polo pleno de xuño.

A iniciativa reclama que a Deputación realice as xestións oportunas e pertinentes, para dotar á contorna do Complexo hospitalario dun aparcadoiro disuasorio libre e gratuíto, dentro da legalidade urbanística e administrativa. Os socialistas consideran necesario construír nesta zona un parking libre, tendo en conta que, por exemplo, ó carón do recinto do CHUO existe unha gran superficie actualmente sen uso, coñecida como finca Santamarina que, de forma provisional, podería ser empregada para este fin. As necesidades de aparcamento son un importante problema desde hai décadas, debido a súa situación en plena trama urbana, ós constantes embotellamentos e a falta de accesos viarios directos de gran capacidade.

O portavoz do PSdeG-PSOE na Deputación, Francisco Fraga, denuncia que a “insistencia do PP en cobrar ós e ás ourensáns por aparcar cando teñen que ir obrigados ós hospitais está a provocar situacións rocambolescas, coma ter un aparcadoiro público rematado hai un ano, pero totalmente pechado”. “É vergoñento que o PP pretenda cobrar por aparcar no parking do novo Hospital Universitario de Ourense, pero aínda é máis vergoñento que teñan unha instalación pechada mentres, simultaneamente, fan a ollos cegos e oídos xordos ante os incumprimentos da empresa concesionaria no parking do Santa María Nai”, relata.

“O goberno provincial do PP, no lugar de velar pola plena legalidade e o cumprimento estrito da concesión dunha instalación pública, está a ser cómplice dos intereses empresariais que xestionan ese parking e vai ter que explicar por que no pleno”, destaca. Os socialistas recordan que a pesar do acordo adoptado polo pleno ordinario de xuño, do publicado no Boletín Oficial da Provincia (BOP) e do informe do servizo de intervención da Deputación que citan única e expresamente o día 1 de xullo como “data de efectos” para a entrada en vigor das novas tarifas –entre outras a gratuidade da primeira media hora–, os cambios non foron aplicados pola empresa co consentimento expreso do goberno do PP.

Fraga defende a “imperiosa necesidade de ofrecer, coma xa se fai en outras cidades similares a Ourense, unha alternativa de aparcamento gratuíta”, e “ante a insistencia no tempo da Deputación Provincial e a Xunta de Galicia de cobrarlle moi caro ós e ás cidadáns por aparcar os seus vehículos nas infraestruturas públicas existentes, a única alternativa digna pasa por materializar un novo aparcadoiro disuasorio”. A proposta dos socialistas recolle o sentir dos veciños e veciñas –representados a través da Federación Provincial de AA.VV. de Ourense Limiar– que son sistematicamente saqueados cando, obrigatoriamente, teñen que ir ó CHUO.