INICIATIVAS recortes

Esiximos ó PP que defenda a sanidade dos máis cativos

O PSDEG-PSOE DEMANDARÁ NA DEPUTACIÓN UNHA ATENCIÓN PEDIÁTRICA INTEGRAL PARA OS NENOS E NENAS DA PROVINCIA DE OURENSE ANTE O PLAN DO PP PARA ARRASAR A PROVINCIA

Tachan de “desvergoña monumental” que “poidamos levar mascotas a un veterinario as 24 horas os sete días, mentres os pequenos teñen que agardar días ou recorrer centos de kilómetros por culpa do PP”

Unha moción reclama adoptar medidas para desenvolver un plan de mellora da atención primaria e para repoñer as prazas de pediatría e os servizos do rural destruídas polos conservadores

Ourense, 17 de xullo de 2018. O PSdeG-PSOE demandará no pleno de xullo da Deputación de Ourense unha atención pediátrica integral para os nenos e nenas da provincia, asediados polos recortes destrutivos do PP. Durante os últimos anos, os conservadores emprenderon unha ofensiva contra a saúde dos máis pequenos que comezou coa eliminación de pediatras no Complexo Hospitalario Universitario (CHUO) da terceira cidade de Galicia; continuou co recorte no servizo de urxencias pediátricas neste mesmo hospital; e que agora acada un novo estado de desvergoña ó suprimir a atención primaria sanitaria especializada nos menores en numerosos centros de saúde.

Unha moción reclama a que a Deputación Provincial inste á Xunta de Galicia a adoptar de maneira urxente, as medidas necesarias para que se desenvolva un plan de mellora da atención primaria, e a reposición de prazas de pediatría, evitando así derivacións masivas de menores a outros centros de atención primaria e a masificación destes espazos de referencia. Tamén demanda que se restablezan, de xeito inmediato, os servizos pediátricos suprimidos en numerosos concellos da provincia. Os socialistas consideran unha “desvergoña monumental” que “poidamos levar mascotas ó veterinario as 24 horas do día os 356 días do ano, mentres os cativos teñen que agardar días por unha cita ou recorrer centos de quilómetros para ser atendidos, por culpa da afrenta do PP”.

A deputada, Isabel Gil, asegura que “recentemente vimos comprobando como este deterioro dos servizos básicos se intensifican e afectan a numerosos concellos”, o que provoca “agrupamento, amoreamento e masificación que empeora aínda máis a calidade da atención e as condicións laborais”. Gil explica que temos casos claros de desatención mesmamente na contorna urbana: “o centro de saúde de Valle Inclán é referencia para a cativada de Pereiro de Aguiar e Nogueira de Ramuín e na ambulatorio da Carballeira o único pediatra existente asume 1.300 tarxetas sanitarias, cifra que excede as ratios de asistencia de 900 persoas por médico”. “O proceso deste sangrante recorte comezou hai anos e parece claro que estamos só ante punta do iceberg dun desmantelamento descarado da atención pediátrica sanitaria que debemos frear”, denuncia a deputada.

O PSdeG-PSOE de Ourense esixe ó Sergas que leve a cabo inmediatamente as medidas organizativas e as contratacións necesarias para dotar do persoal facultativo suficiente, que permita restablecer un servizo que afecta á sanidade de miles de nenos e nenas. Para frear este novo ataque a Ourense é imprescindible que todas as institucións se posicionen, de forma urxente e unánime, co fin de defender as necesidades mais básicas das familias da provincia afectadas por unha decisión que recortou unha prestación médica que era plenamente operativo, necesario e sostible. Dende o PSOE sempre se defenderon os servizos públicos, especialmente no caso da sanidade, pero neste caso, pódese afirmar que se trata dunha situación de “extrema prioridade” posto que se está a xogar coa saúde dos máis pequenos.

Os socialistas cren que a Deputación e o PP “debe poñerse sen titubeos ó lado dos menores ou, do contrario, serán cómplices deste ataque ó futuro da provincia”. “Estamos ante unha nova labazada á atención sanitaria que está afectando, xustamente, ós concellos onde máis cómpre que se asente poboación moza, unha labazada que intensificará o abandono do rural e a falta de incentivos para os cada vez menos habitantes”, lamentan. “Baltar e todo o Partido Popular de Ourense desenténdese totalmente deste problema, porque nin abren a boca nin moven un dedo para defender as necesidades máis básicas dos veciños e veciñas, unha actitude absolutamente deleznable xa que este silencio demostra que son os cómplices ignominiosos dun plan para arrasar a nosa provincia”, conclúen.