Denuncias ENCHUFISMO

Obrigamos a Baltar a explicar os enchufes do concurso de persoal

O PSDEG-PSOE OBRIGA A BALTAR A OFRECER EXPLICACIÓNS PÚBLICAS SOBRE A SENTENZA DO TRIBUNAL SUPERIOR QUE CONFIRMA AS POLÍTICAS CACIQUÍS DE EMPREGO NA DEPUTACIÓN

O grupo provincial socialista rexistrou oito preguntas –unha por deputado e deputada– que deberán ser respondidas oralmente polo presidente ó final da sesión, xa que así o obriga o regulamento

O PSdeG-PSOE volve denunciar o escurantismo do PP coa política de persoal xa que hai nove meses que reclamou un informe sobre as consecuencias desta anulación sen obter resposta algunha

Ourense, 26 de xullo de 2018. O PSdeG-PSOE obrigará a Manuel Baltar a ofrecer explicacións públicas, sobre a sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) que confirma o burdo amaño do PP para colocar a dedo a decenas de persoas na Deputación de Ourense, vetando a aspirantes. O grupo socialista rexistrou oito preguntas –unha por deputado e deputada– que deberán ser respondidas oralmente polo presidente provincial ó final da sesión ordinaria de xullo, xa que así o obriga o regulamento en vigor.

Nesas cuestións debullan polo miúdo os argumentos dos maxistrados e maxistradas do alto tribunal galego para anular o concurso e detallan, entre outras, cuestións sobre por que “vulnerou” o goberno provincial “os principios de igualdade e non discriminación”; por que “creou un circuíto cerrado” para colocar a persoas en postos concretos; por que “pechou o concurso a determinados traballadores”; por que “constrinxiu” a convocatoria pública para vetar a posibles aspirantes, e interpelan sobre a asunción de responsabilidades logo dos fallos xudiciais que confirman a ilegalidade.

Así mesmo, o PSdeG-PSOE volve denunciar o escurantismo do PP coa política de persoal da Deputación de Ourense. Hai nove meses que os socialistas solicitaron un informe ó xefe de recursos humanos da institución, sobre as consecuencias técnicas e económicas da decisión xudicial inicial adoptada polo xulgado do contencioso-administrativo –agora ratificada polo TSXG–, sen que, ata o de agora, se recibise informe ou resposta algunha. O PSOE esixe, unha vez máis, concursos e contratacións transparentes e axustadas á legalidade, e recorda que esta sentenza xa é a segunda labazada dos tribunais á política de persoal de Manuel Baltar, logo de tombar o ERE que tamén resultou ser un incumprimento flagrante da lei.