O PSDEG-PSOE LOGRA UNHA BATERÍA DE MEDIDAS URXENTES PARA A LIMIA ANTE A DESFEITA OCASIONADA POLAS CHUVIAS DOS ÚLTIMOS MESES
A declaración de zona de emerxencia; a avaliación técnica dos danos ou unha xuntanza con alcaldes e alcaldesas para analizar as medidas e a participación da deputación, son algunhas das reclamacións
Elvira Lama destacou a necesidade “accións contundentes e decisións valentes para unha comarca que leva dous anos asediada por todo tipo de desfeitas naturais ”
Ourense, 25 de maio de 2018. O PSdeG-PSOE da Deputación de Ourense logrou unha batería de medidas urxentes para a Limia, ante a desfeita ocasionada polas chuvias dos últimos meses no sector agrogandeiro da comarca. A moción aprobada polo pleno solicita que a corporación provincial inste á Xunta a realizar unha avaliación técnica dos danos producidos, e que se sume á petición unánime de declaración oficial de zona de emerxencia con carácter urxente. Igualmente reclama unha xuntanza urxente con alcaldes e alcaldesas, para analizar as posibles medidas a adoptar, e que se determine a participación da deputación na prestación de axuda con medios de seu, co fin de paliar os danos e o impacto dos temporais.
A deputada e viceportavoz, Elvira Lama, asegurou que “a desfeita ocasionada polas choivas é monstruosa no seu tamaño e nas súas consecuencias para produtores e agricultores que están desesperados”. “Son moitas as familias que viven destas plantacións”, destacou Lama antes de recordar que “están seriamente afectados os produtores de cereal e pataca, xa que no caso dos cereais (centeo, millo, trigo e avea) as choivas estragaron colleitas por valor de 7 ou 8 millóns e, no caso das patacas, as choivas estragaron os terreos”.
A deputada salientou que o Concello de Xinzo aprobou por unanimidade unha moción con estas mesmas reclamacións e tamén salientou que esta “relación co agro mantén a moita xente de comarca residindo en pequenas aldeas” que, de outro xeito, estarían despoboadas. “Non debemos esquecer que esta comarca da provincia de Ourense é a máis importante a nivel agrario de Galicia e, polo tanto, precisa dun tratamento específico no referente á protección do sector agrogandeiro, debido a súa relevancia para as economías empresariais e familiares”, destacaron os socialistas.
Elvira Lama recorda que “encadenamos a ameaza da praga da couza guatemalteca na pataca, cunha seca histórica durante boa parte de inverno, para comezar o 2018 cun diluvio continuo . E, por iso, reclama “accións contundentes e decisións valentes da Deputación Provincial, da Xunta de Galicia e do Goberno central, para unha comarca que leva dous anos asediada por todo tipo de desfeitas naturais como se fose unha maldición”. Non debemos esquecer que esta comarca da provincia de Ourense é a máis importante a nivel agrario de Galicia, e precisa un tratamento específico para a reparación de danos nas infraestruturas públicas e o estudo de posibles medidas de apoio á actividade agraria ante desastres naturais.

