concellos Denuncias

O PSdeG-PSOE denuncia que o cura de Padrenda pide o voto para o PP

O PSDEG-PSOE DENUNCIARÁ ANTE O BISPADO Ó CURA DE PADRENDA QUE APROVEITA OS SERMÓNS DURANTE AS MISAS PARA ADOUTRINAR OS FREGUESES E PEDIR O VOTO PARA O PP

Os socialistas consideran “inadmisible” a doutrina política que o párroco emprega durante os actos relixiosos e presentarán un escrito no bispado denunciando esta actitude

A veciñanza de Padrenda expresoulle ó grupo municipal socialista o seu malestar por unha práctica que tal é como indican “é habitual cada vez que se achegan unhas eleccións”

Ourense, 29 de febreiro de 2020.  O PSdeG-PSOE denunciará ante o bispado de Ourense, o adoutrinamento político que o cura de Padrenda exerce durante a celebración das liturxias nas parroquias do termo municipal, e nas que tal e como conta a veciñanza “chegou a pedir o voto para o Partido Popular. Os socialistas consideran “inadmisible” esta doutrina política en actos relixiosos e presentará un escrito diante do bispado de Ourense denunciando esta actitude.

A veciñanza de Padrenda en xeral, e os católicos que non son votantes do Partido Popular en particular, expresaron a súa indignación nos últimos tempos pola situación surrealista que se vive en pleno século XXI en Padrenda, onde o sacerdote se dedica a adoutrinar os fregueses con sermóns nos que “se lle plante á veciñanza a que partido hai que votar, dirixindo todo tipo de improperios e descualificacións contra os partidos políticos que non son o PP”, explican dende o grupo municipal socialista de Padrenda, que recolleron numerosas queixas da veciñanza durante os últimos días.

Dende o PSdeG-PSOE de Ourense xa traballan para trasladarlle o bispado de Ourense, un escrito no que solicitan que “cese o adoutrinamento político durante os actos relixiosos”. Os socialistas explican que a veciñanza de Padrenda “está totalmente anonadada ante o comportamento do cura, que en lugar de exercer as funcións de pastor católico, opta por dar discursos políticos pedindo o voto para o Partido Popular”. Dende o seno socialista afirman “non dar creto” ó que sucede en Padrenda e non comprenden que “en pleno século XXI haxa persoas como o párroco que tratan de influír na decisión de voto da veciñanza”, amosando tal e como indican dende o PSdeG, “unha ausencia total de ética democrática o non respetar un dereito fundamental da veciñanza, como é a liberdade de elección de voto”.

Tal e como lle trasladaron os veciños e veciñas de Padrenda os socialistas, “esta práctica é habitual cada vez que se achegan as eleccións”, sinalan. Dende o PSdeG-PSOE de Ourense destacan que “un sacerdote debe dedicarse a celebrar a liturxia e non a exercer a política durante a eucaristía” e dende o grupo municipal socialista apuntan que “se o párroco de Padrenda quere facer política que se afilie a un partido político e vaia nas listas a unhas eleccións, pero que non empregue unha misa para facer campaña e influír na libre elección de voto da veciñanza”.