O PSDEG-PSOE PROPÓN Á DEPUTACIÓN DE OURENSE ADOPTAR UNHA BATERÍA DE MEDIDAS POR IMPORTE DE 19 MILLÓNS PARA FACER FRONTE Á PANDEMIA DO CORONAVIRUS
O plan dos socialistas ourensáns supera os 19 millóns de euros repartidos en 15 medidas, e inclúe tamén a creación dunha liña de anticipos de crédito para concellos por importe de 3 millóns
Villarino considera “urxente” que a Deputación dea “unha resposta transversal e integral” ás principais demandas dos afectados e afectadas “deixando de lado calqueira rémora partidista”
Ourense, 26 de marzo de 2020. O PSdeG-PSOE de Ourense vén de rexistrar 15 medidas por importe de 19 millóns de euros, co fin de que a Deputación amplíe e mellore a súa estratexia para facer fronte ós efectos derivados da pandemia provocada polo coronavirus SARS-COV-2 na provincia. O plan tamén reclama que o goberno provincial impulse un anticipo de 3 millóns de euros ás entidades locais que teñen delegada a recadación de taxas e tributos na institución, que logo esta recuperará. A proposta implica un aumento de 11 millóns sobre o gasto comprometido nos orzamentos de 2020.
O voceiro dos socialistas, Rafa Villarino, considera “urxente” que a Deputación ourensá “dea unha resposta ambiciosa, transversal e integral” ás principais demandas dos afectados e afectadas, poñendo o seu foco especialmente nos ámbitos da política social, a prevención de riscos ou o apoio económico directo ás entidades locais e á veciñanza. “Estamos ante un escenario moi complexo que require actuar con dilixencia e equitativamente con todos os municipios e veciños e veciñas, deixando de lado calqueira rémora partidista”, insiste antes de salientar que esta é unha “proposta construtiva” que busca “ampliar e mellorar” as medidas adoptadas polas institucións.
Entre as medidas dos ámbitos socioeconómico e laboral destacan a duplicación das axudas dirixidas aos programas de emprego da institución e aumentar a axuda provincial prevista para os plans provincias. No social o PSdeG-PSOE impulsa a constitución dunha partida de emerxencia extraordinaria aos concellos para investimentos en áreas como alimentación, vivenda, produtos de primeira necesidade ou apoio á infancia.
Así mesmo piden aumentar a axilizar a tramitación e a cobertura do servizo de teleasistencia provincial; habilitar unha bolsa de axudas á conciliación ou crear unha rede de voluntariado provincial. Tamén reclaman a entrega de máscaras, luvas e xeles desinfectantes para os servizos municipais de axuda no fogar e para o persoal que atende centros de día e residencias de maiores.
No ámbito da limpeza e hixiene propoñen dotar con fondos extraordinarios ás entidades locais para desinfección vírica de espazos públicos; prover de Equipos de Protección Individual (EPIs) ao persoal do servizo de limpeza e proporcionar máscaras, luvas e xel desinfectante ao persoal de recollida municipal do lixo que depende dos municipios e da deputación.
Con respecto á mobilidade, os socialistas ourensáns piden remitir recomendacións e sinalización adhesiva de prevención do contaxio aos taxistas da provincia e ás empresas concesionarias do transporte interprovincial de autobuses. No tocante ó medio rural demandan un plan de apoio para a prevención do lume debido á situación extraordinaria de desleixo creada polas medidas extraordinarias adoptadas para facer fronte a este coronavirus. Por último impulsan a posta en servizo dunha páxina web informativa e de teléfonos de información provincial gratuítos.
Esta é a relación completa das medidas:
Fondo de liquidez de anticipos
- Apoiar mediante un fondo de liquidez de anticipos por importe de3 millóns de euros aos concellos con recadación delegada de taxas e tributos na Deputación de Ourense, de xeito que poidan dispor do recadado en 2019 para facer fronte ás necesidades municipais. O prazo máximo de devolución do anticipo será dun ano dende a firma do mesmo, podendo concederse un novo se non é posible reintegralo na data de expiración. En ambos casos, os préstamos estarán exentos de intereses (0 %), así como de calquera cláusula que supoña gastos para o concello.
Socioeconómicas e laborais
- Duplicar as axudas dirixidas aos programas de emprego (empregabilidade e mocidade), de xeito que os concellos poidan axudar a paliar o desemprego. En concreto, destinaranse 3.640.000 € ao programa empregabilidade e 1.092.000 € ao de mocidade.
- Aumentar en 634.760 € a axuda provincial prevista para os plans provinciais, que acadará a cifra de 5.073.260 €, permitindo que ningún concello teña que facer fronte aos gastos de redacción de proxectos ou aos xa comprometidos con anterioridade á crise, tal e como figura nas cantidades publicadas no BOP nº 33 de data 10 de febreiro de 2020.
Sociais:
- Crear unha partida de emerxencia social extraordinaria causada pola crise do coronavirus destinada a auxiliar aos concellos da provincia, e dotada cun importe de 6 millóns de €, para seren distribuídas polos municipios en previsión do aumento de gastos nas seguintes áreas: a) alimentos perecedoiros, para bebés ou persoas con dietas especiais debido a restricións alimentarias prescritas por persoal facultativo (persoas celíacas, diabéticas ou con outras necesidades), b) vivenda (aluguer, hipoteca, reparacións de acondicionamento ou habitabilidade da vivenda, compra de mobiliario), c) recibos (electricidade, gas, gasóleo, auga, leña, pellets ou equivalentes), d) produtos de hixiene e limpeza da vivenda (lixivia, deterxente, lavalouza e semellantes), produtos de aseo persoal (xabón, desodorizante, produtos de hixiene feminina…), e) produtos farmacéuticos prescritos polo persoal facultativo especialista ou polo persoal médico de atención primaria, f) electrodomésticos básicos (reparación ou merca de lavadora, quentador, cociña, etc.), g) desprazamentos a recursos asistenciais ou sanitarios fóra do propio municipio (para recibir tratamentos, facer xestións ou participar en actividades que non poidan levarse a cabo dentro del), h) lentes e audífonos, i) gastos derivados de tratamentos de odontoloxía debidamente xustificados, j) próteses ou produtos de apoio para persoas en situación de discapacidade, e k) gastos de apoio a infancia e de tipo educativo tales como libros e material escolar. O reparto por concellos farase de acordo con criterios obxectivos do número de persoas afectadas pola crise (exemplo, número de afectados por ERTES ou despidos).
- Aumentar a axilidade na tramitación e a cobertura do servizo de teleasistencia provincial, de xeito que se incorpore un maior persoas de máis de 65 anos que vivan solas ou con dificultades de mobilidade que así o soliciten, de acordo cunha convocatoria específica aberta con motivo da crise do coronavirus. Disporanse de 200.000 € adicionais para este fin, pasando a partida actual de 300.000 a 500.000 €.
- Habilitar unha bolsa de axudas á conciliación destinada a familias con crianzas menores a 14 anos ou con persoas en situación de dependencia ao seu cargo, pois coa reincorporación ao traballo e a ausencia de clases, as familias precisarán de persoas que coiden aos menores. Disporase dunha partida de 300.000 euros para este fin, que serán distribuídas entre os concellos para asignarse a través dos servizos sociais municipais.
- Crear unha rede de voluntariado provincial, reforzada por Protección Civil municipal, que provea alimentos, medicinas e bens de primeira necesidade as persoas maiores do concello, así como aquelas que presenten dificultades de mobilidade ou se atopen en situación de dependencia. Disporase dunha partida de 100.000 euros destinada, basicamente, a desprazamentos (19 céntimos por quilómetro).
- Auxiliar aos servizos municipais de axuda no fogar coa entrega de máscaras, luvas e xeles desinfectantes aos concellos da provincia de xeito proporcional ao persoal que desenvolve estas funcións. Disporase dunha partida de 150.000 euros .
- Dotar de máscaras, luvas e xel desinfectante ao persoal que atende centros de día e residencias de maiores, pois a protección de dito persoal é imprescindible para evitar a propagación do coronavirus nos lugares que teñen demostrado ser os máis perigosos: aqueles que agrupan aos maiores, que son a poboación con maior risco de sufrir graves consecuencias, como o testemuñan as mortes colectivas que teñen acontecido. Disporase dunha partida de 100.000 euros.
Limpeza e hixiene pública:
- Aprobar, de xeito inmediato, unha partida de 915.000 € (10.000 € por concello máis 5.000 € para a entidade menor de Berán) para desinfección vírica pública, co obxecto de axudar a paliar o gasto que están a realizar as administracións locais na desinfección de residencias de maiores, centros de día, centros de saúde e edificios públicos, así como en contedores do lixo, mobiliario urbano sito nas paradas de autobuses e na contorna de farmacias, supermercados, clínicas veterinarias, carnicerías e demais establecementos habilitados para a súa apertura ao público durante a crise do coronavirus.
- Prover de Equipos de Protección Individual (EPIs) ao persoal do servizo de limpeza encargado de recoller residuos de casos confirmados de coronavirus, que deben recollerse de acordo cun protocolo específico. Disporase dunha partida de 100.000 euros para este fin.
- Proporcionar máscaras, luvas e xel desinfectante ao persoal de recollida municipal do lixo, tanto no que atinxe ao persoal que ten delegado este servizo na deputación como a aquel que desenvolve as súas funcións doutros xeitos nos restantes concellos da provincia de Ourense. Disporase dunha partida de 100.000 euros para este fin.
Mobilidade:
- Remitir recomendacións e sinalización adhesiva de prevención do contaxio do SARS-COV-2 aos taxistas da provincia, entre as que se inclúen limitar a dous o número de pasaxeiros, ningún deles a carón do condutor. Disporase dunha partida de 10.000 euros para este fin.
- Remitir recomendacións e sinalización adhesiva de prevención do contaxio co COVID-19 ás empresas concesionarias do transporte interprovincial de autobuses, entre as que se inclúen limitar a un terzo o número máximo de pasaxeiros e a distancia de separación de dous metros entre os mesmos. Disporase dunha partida de 10.000 euros.
Medio rural e medioambiente:
- Por en marcha un plan de apoio para a prevención do lume debido á situación extraordinaria creada polo coronavirus dotado con 915.000 € (10.000 € por concello máis 5.000 € para a entidade menor de Berán), xa que o confinamento está a producir unha situación de desleixo de montes e eidos que incrementará notablemente o risco de lumes.
Información e asesoramento:
- Crear unha páxina web e habilitar máis teléfonos de información provincial gratuítos sobre o SARS-COV-2 co obxecto de informar e asesorar á cidadanía respecto dos protocolos de actuación para previr o contaxio do coronavirus, así como dos servizos provinciais a dispor dos concellos durante a crise. Disporase dunha partida de 30.000 euros.