Denuncias POLÍTICA

Vergoñentos insultos homófobos do PP ourensán contra o Ministro do Interior

O PSDEG-PSOE DENUNCIA OS INSULTOS HOMÓFOBOS E MACHISTAS DO EXSUBDELEGADO DO GOBERNO EN OURENSE DO PP CONTRA O MINISTRO DO INTERIOR

Os socialistas reclaman ó presidente do PP de Ourense que “poña coto a estes ataques personais contra a orientación sexual das persoas que tamén son aplaudidas polo vicepresidente da Deputación”

Roberto Castro refírese a Fernando Grande-Marlaska como “ese de la voz aflautada que parece una cupletista que dirige (lo de dirigir es un decir) el Ministerio del Interior

Ourense, 21 de abril de 2020. O PSdeG-PSOE de Ourense denuncia os “vergoñentos insultos homófobos e machistas” do exsubdelegado do Goberno en Ourense durante o ultimo goberno do Partido Popular, Roberto Castro, nos que ataca vilmente ó actual ministro do Interior, Fernando Grande-Marlaska, con insultos que ademais son aplaudidos polo actual vicepresidente da Deputación Provincial e secretario xeral do partido, Rosendo Fernández, quen participa no “lamentable festival homofóbico” a través dos ‘me gusta’ nunha mensaxe publicada na conta de Facebook de Castro.

Mensaje de Roberto Castro en Facebook

Castro refírese a Grande-Marlaska como “ese de la voz aflautada que parece una cupletista que dirige (lo de dirigir es un decir) el Ministerio del Interior”. Os socialistas reclaman ó presidente provincial do PP, Manuel Baltar, que “poña coto” a estes ataques persoais contra a orientación sexual das persoas, verquidos por militantes e altos cargos do seu partido. “Os ataques homófobos e machistas non deben ser axitados por ninguén posto que son delito e moito menos polos representantes públicos de partidos políticos que se din demócratas e respectuosos coa diversidade e que, para colmo, tiveron entre as súas responsabilidades a protección dos dereitos dos cidadáns”, aseveran.

“Reclamamos a Castro un mínimo de decencia e unha desculpa así como unha “acción contundente fronte a estas actitudes prexudiciais por parte dos dirixentes do PP”

PSdeG-PSOE de Ourense

O PSOE ourensán reclama a Castro “un mínimo de decencia e unha desculpa” así como unha “acción contundente fronte a estas actitudes prexudiciais” por parte dos dirixentes do partido no que militan o exsubdelegado do Goberno e o vicepresidente da Deputación. “Calquera ataque ou discriminación baseada na orientación sexual e identidade de xénero das persoas está perseguida pola lexislación, e a pesar dos avances alcanzados nos últimos anos, estas condutas bochornosas seguen sendo unha das formas de odio máis estendidas”, explican os socialistas polo que instan a “deixar de lado dunha vez por todas estes ataques vomitivos e formas de discriminación”.