O PSDEG-PSOE OFRECE UNHA NOVA ALTERNATIVA A LIÑA DE AXUDAS PRESENTADA POLO GOBERNO DE RIBADAVIA E QUE O ALCALDE VENDEU ANTES EN PRENSA QUE CONSENSUOU COS GRUPOS
Os socialistas lembran que a súa man “sempre estivo tendida” e que actuaron dende o inicio da crise “con total lealdade institucional”, polo que non entenden a “deriva partidista e electoralista” do PP
«Temos un plan máis ambicioso, cun 50% máis de inversión e que axude a todos os colectivos de Ribadavia dun xeito obxectivo e atendendo caso por caso e non cunha cantidade idéntica para todos”, explica o voceiro socialista Ignacio Gómez
Ourense, 5 de maio de 2020. O PSdeG-PSOE ofrece unha alternativa a liña de axudas presentada polo goberno do Partido Popular en Ribadavia e denuncian que “o alcalde vendeu o seu documento a prensa antes de consensualo cos grupos políticos”, situación ante a que os socialistas se preguntan “que quere consensuar se xa presentou o seu plan”. Unha situación que dende o seno do grupo municipal socialista consideran “anómala e desleal” e anuncian que contan cun plan “máis ambicioso” e cun “50% máis de inversións” para chegar a todos os colectivos de Ribadavia e que estas axudas sexan “obxectivas, atendendo caso a caso”.
Os socialistas lembran tamén que dende o comezo da emerxencia sanitaria motivada polo COVID-19, o PSdeG-PSOE de Ribadavia amosou a súa “lealdade institucional e o ofrecemento” para axudar nesta crise “sen ningún tipo de reproche” o grupo de Goberno. “Xa lle gustaría o PSOE ter o mesmo comportamento por parte do PP nos lugares nos que gobernan ou son oposición”, afirma o voceiro socialista Ignacio Gómez, que tamén subliña que “ninguén pode discutir a nosa lealdade xa que estes meses nos avalan”.
Dende o grupo municipal socialista na capital do AVIA amosan o seu “malestar” polas últimas actuacións do alcalde e sinalan que “non podemos tolerar que se presente un documento para consensuar cos grupos da oposición e que un día antes, o alcalde anuncie dito plan nos medios, vendendo fume e amosando unha deslealdade total coa oposición e a cidadanía de Ribadavia”, explica Gómez. Dito plan de axuda por importe de 100.000 euros para gastos fixos de autónomos e PEMES “é insuficiente” para os socialistas, que xa anuncian que contan cun plan de investimentos “máis ambicioso, alternativo e que aumenta a inversión nun 50%”. Para o voceiro socialista “as axudas non poden ser iguais, xa que hai autónomos que tiveron que pechar por completo, e outros, menos casos, que puideron seguir exercendo a súa actividade con certas restricións” e apunta tamén que “esta contía é insuficiente cando Ribadavia conta con máis de 400 autónomos e PEMES e con dita cantidade non se podería chegar a tódolos colectivos”.
Os socialistas avogan tamén por aumentar non só as cifras de axudas, senón por chegar a outros colectivos vulnerables e que quedan fóra deste plan do alcalde do Partido Popular de Ribadavia como é o caso dos traballadores e traballadoras que quedaron sen emprego. Dende o PSdeG-PSOE na vila propoñen un “pacto de consenso” entre tódalas forzas políticas, sindicatos e asociacións de Ribadavia para conquerir “un futuro de consenso e no que ninguén quede atrás”. “O grupo de goberno non pode pretender morder a man dunha oposición leal e que non fixo ningún tipo de crítica e logo vir a pedir apoio sen condicións”, sinala Gómez, que lle manda recado o alcalde afirmando que “debe quitar a careta partidista e pórse a traballar polo ben dos cidadáns e non polos intereses electorais de Feijóo e Baltar”.
O PSdeG-PSOE de Ribadavia tamén critica a “inacción” do alcalde a hora de tomala decisión de suprimir ou cancelar diferentes actividades culturais e deportivas que “por desgraza”, non se poderán celebrar por mor da crise do coronavirus. “O alcalde debe quitar a careta do electoralismo, deixar de vender cada actividade como propia e tomar decisións non agradables, como son estas suspensión de actividades por responsabilidade e ética, como xa se fixo noutros concellos”, afirma o voceiro socialista, quen tamén recalca que “en política hai que tomar decisións, non so sirve vender fume e presumir dun talante e dunhas formas que distan moito dun comportamento democrático e leal para cos grupos políticos e a veciñanza de Ribadavia”.
Análise da primeira fase da crise
O grupo municipal socialista tamén aproveita para facer unha análise exhaustiva da primeira fase da crise sanitaria e onde destacan a “lealdade, a man tendida e a axuda” da oposición cara o grupo de goberno municipal. Algo que vai en contraposición da actitude do alcalde nas últimas semanas que se comporta, en palabras do voceiro socialista, “como se tivera a maioría absoluta, aproveitando unha crise sanitaria para facer campaña permanente, empregando as redes sociais persoais como se foran as oficias do alcalde, algo que non sucedeu nos últimos 16 anos”.
Os socialistas tamén denuncian o que consideran “un uso partidista” das institución por parte do Partido Popular e acúsanos de “facer cartóns propagandísticos coas medidas que adopta o Concello como institución e por tanto cos cartos de todos os veciños e veciñas de Ribadavia e vendelo como obras e iniciativas do propio PP”. Situación que se suma a ausencia de xuntas de voceiros “que o principio se facían telemáticas e nos daba a oportunidade de trasladas as nosas medidas e iniciativas”, explica Ignacio Gómez, quen tamén destaca que “dun tempo para aquí deixaron de convocarse, deixouse de trasladarse información e temos que coñecer pola prensa as decisións que se van a tomar en Ribadavia. Para o socialista está claro que “esta forma de actuar non é máis cun comportamento feudal, na que o alcalde sigue as directrices do seu xefe Baltar, asumindo como propio o que é de todos”, finaliza Gómez.