Concello de Ourense Denuncias

Denunciamos a improvisación do Goberno de Ourense ante a pandemia

O PSDEG-PSOE DENUNCIA A “IMPROVISACIÓN” DE JÁCOME NUNHA XUNTA DE PORTAVOCES NA QUE FORON “IGNORADAS” AS PROPOSTAS DA OPOSICIÓN FRONTE A COVID-19

Os 20 millóns anunciados para autónomos cunha presunta “burocracia cero” finalmente “non serán tal”, xa que Jácome dixo que non sumarán esa cantidade e que aínda están pendentes de informes

Villarino salienta que “o alcalde Jácome soamente pretendía o beneplácito ó seu plan de obras” e destaca un “sentimento de fraude entre todos os portavoces” por ignorar as súas propostas ante a crise

Ourense, 13 de maio de 2020. O PSdeG-PSOE denuncia a “improvisación” do Concello de Ourense nunha xunta de portavoces na que as propostas dos grupos da oposición para facer fronte á COVID-19 foron “absolutamente ignoradas”, unha xuntanza á que nin sequera asistiu á concelleira de Servizos Sociais. O voceiro, Rafa Villarino, salienta que “o alcalde Jácome soamente pretendía o beneplácito ó seu plan de obras e ás propostas de obras do concelleiro Caride”, sen contar, en ningún caso, coas iniciativas da oposición destinadas a paliar as crise económica e social causada pola pandemia mundial.

O voceiro explica que os 20 millóns anunciados en axudas para autónomos cunha presunta “burocracia cero”, finalmente “non serán tal” xa que Jácome dixo hoxe que non sumarán esa cantidade e que aínda están pendentes de informes. Tamén manifestou o rexedor que non coñecen o importe definitivo de cada axuda, anunciada inicialmente en 2.000 euros. “A propaganda e as ocorrencias do alcalde volven quedar evidenciadas, xa que os ourensáns aínda non viron un só euro dos presuntos e inmediatos cartos anunciados polo Concello, mentres 8.031 autónomos de Ourense xa recibiron prestacións do Goberno central en marzo e abril cun importe medio de 750 euros”.

Os socialistas destacan que tamén solicitaron a comparecencia de Jorge Pumar como concelleiro de Perímetro Rural, quen tampouco asistiu. Villarino manifesta, ante a actitude do goberno bipartito local, un “sentimento de fraude entre todos os portavoces para sacar á cidade adiante e involucrarse nas necesidades de políticas social e económica”. Ante estes feitos solicitouse que a próxima reunión dos voceiros teña lugar cunha orde do día previa para poder debater as cuestións achegadas por todos os grupos e, en caso de non ser así, a oposición valorará a súa asistencia.