Denuncias Política municipal

Feijóo desmantela o centro de saúde de A Notaría en Padrenda

O PSDEG-PSOE DENUNCIA O DESMANTELAMENTO DO CENTRO DE SAÚDE DE A NOTARÍA NO MUNICIPIO DE PADRENDA QUE DENDE HAI MÁIS DUN MES ESTÁ SEN ENFERMEIRA NIN MÉDICO

Os socialistas denuncian que o goberno do Partido Popular na Xunta deixou o centro de saúde baleiro o que obriga a uns 1000 veciños e veciñas a desprazarse o outro centro de saúde do municipio

“A praza de enfermeira quedou deserta fai un mes, a médica xa só presta consulta esporádica e Feijóo minte a poboación afirmando que temos a mellor sanidade, namentres a desmantela”, afirman os socialistas de Padrenda

Ourense, 21 de maio de 2020. O PSdeG-PSOE denuncia un novo caso de desmantelamento sanitario levado a cabo polo goberno de Alberto Nuñez Feijóo dende a Xunta de Galicia na provincia de Ourense. Desta vez, o grupo municipal socialista de Padrenda denuncia que no municipio, no que existen dous centros de saúde, baleirouse o da Notaría, no que dende fai un mes quedou baleira a praza de enfermeira, tras coller esta a baixa e non se pasan consultas de medicina familiar, obrigando á veciñanza a desprazarse ao outro centro de saúde, sito en Crespos. Unha situación que tal e como afirman os socialistas “afecta a uns 1000 veciños e veciñas, que teñen a súa cartilla sanitaria vinculada o centro médico de A Notaría e que agora deben desprazarse o outro centro médico, coas dificultades de mobilidade que xera a unha parte da poboación”.

Dende o grupo municipal socialista lembran que co goberno de José Luis Rodríguez Zapatero e os famoso Plan E, acadouse a construción do centro de saúde de A Notaría e baixo o mandato de Emilio Pérez Touriño como presidente da Xunta de Galicia, acadouse unha praza de enfermeira, que veu prestando servizos diarios ata fai un mes. “Agora atopámonos cun centro de saúde baleirado e que non da servizo, nun novo caso de desmantelamento sanitario que deixa a case 1000 veciños sen atención médica diaria e sen servizo de enfermeira e practicante”, explica o voceiro socialista Manuel Francisco Pereira.

Os socialistas reclaman que se manteña o médico tanto no centro de saúde de Crespos como de A Notaría e que se poña freo a este desmantelamento, “levado a cabo coa complicidade do alcalde do PP de Padrenda”. Tamén afirman dende o seno socialista que “pasamos da atención diaria no centro de saúde que desmantelan a que a médica veña un día de xeito esporádico, algo que obviamente non é culpa súa, senón de quen xestiona a sanidade en Galicia”.

Dende o PSdeG-PSOE de Padrenda acusan a Feijóo de “de presumir e vender que temos a mellor sanidade de España, cando a realidade é ben diferente, con centros de saúde que pechan, falta de persoal e unha veciñanza que queda abandonada a súa sorte e coa obriga de desprazarse ata o outro centro de saúde de Padrenda, cos problemas de transporte que acarea para moitos veciños en idade avanzada e que deben pedir un taxi ou mobilizar a algún veciño para poder desprazarse”. “Feijóo estalle mentido o pobo, namentres desmantela a sanidade”, finalizan os socialistas.