Concello de Ourense INICIATIVAS

Pedimos que os plenos do Concello de Ourense se celebren no auditorio

OS SOCIALISTAS PIDEN CELEBRAR OS PLENOS DO CONCELLO DE OURENSE NO AUDITORIO E AS XUNTAS DE ÁREA DE CULTURA NA SALA VALENTE, COMO “SÍMBOLOS” DO PATRIMONIO E RESISTENCIA INTELECTUAL DA CIDADE FRONTE AO BALTARISMO

Rexeitan a proposta do grupo de goberno de celebrar os plenos no Teatro Principal,  dependente da Deputación, e fan un chamamento á mobilización cidadá na defensa das dúas instalacións municipais

Consideran “unha burla á cidade” que se rexeite a utilización “dun dos mellores auditorios de Galicia”, alegando “problemas de son”, para agochar o feito de que os técnicos encargados destas funcións, dependentes de EULEN, foron enviados ao paro

Ourense, 10 de xuño de 2020. O O PSdeG-PSOE de Ourense considera que a intención do grupo de goberno de celebrar os plenos municipais no Teatro Principal, dependente da Deputación de Ourense, supón “unha nova OPA hostil de Baltar á cidade”, e “simboliza, unha vez máis, o intento de dominio do baltarismo sobre a cidade e os seus órganos de goberno, aproveitando o desprezo de Jácome pola cultura e a intención do rexedor de dedicar as dependencias culturais a usos administrativos”.

“Jácome non quere espazos para a cultura e Baltar aproveita o Teatro Principal para apartar a persoas que xa non son do seu agrado e, de paso, facer do alcalde un monicreque máis do seu espectáculo político”, tal e como afirman os socialistas da cidade, que poñen de manifesto a “irracionalidade e incoherencia” de trasladar os plenos do concello a unha instalación dependente da Deputación, cando tanto no Auditorio coma na Sala Valente existen salas máis amplas e perfectamente acondicionadas e adaptadas para a celebración dos plenos e comisións, respectando as medidas preventivas decretadas como consecuencia do COVID.

En concreto, o PSdeG-PSOE pon de manifesto que a sala central do Auditorio dispón dun total de 918 butacas “que permitiría manter unha reunión con 58 prazas seguras dispoñibles, coas debidas medidas sanitarias e de distancia social, fronte as pouco máis de 30 butacas permitidas no Teatro Principal”, o que a xuízo dos socialistas supón “un maior risco e temeridade”, tendo en conta “que a corporación municipal está composta por 27 representantes e, ademais, compre garantir o espazo para toda a prensa”. E polo que atinxe á sala José Ángel Valente, os socialistas reclaman que as reunións periódicas dos integrantes da Xunta de Área de Cultura do Concello, que actualmente se realizan no centro cívico da rúa Colón, pasen a celebrarse nestas instalacións do Paseo, “como símbolo e epicentro da cultura” na nosa cidade.

O socialistas critican “o intento de ocultación do goberno municipal”, alegando “supostos problemas de son” nun  dos mellores e máis equipados espazos culturais de Galicia, como é o Auditorio Municipal, cando en realidade do que se trata é de que “os tres técnicos de son, dependentes de EULEN, a empresa da que é responsable a irmá do presidente da Xunta, levaban anos contratados en precario e agora foron enviados ao paro”.

Segundo asegura o PSdeG-PSOE, a concesión deste servizo por parte do Concello de Ourense “é unha das máis rendibles” para a empresa, en comparación con outros servizos similares nas diversas instalación culturais xestionadas por EULEN en Galicia. “Así é como Jácome, Baltar e Feijoo están a utilizar as instalacións culturais da cidade de Ourense, para solucionar vendettas persoais e ocultar negocios particulares, a costa de negarlles o acceso á cultura aos nosos cidadáns”, rematan.