Denuncias Deputación de Ourense

Baltar despilfarra 40.000 euros en 74 focos para autoiluminarse

BALTAR MALGASTA EN PLENA PANDEMIA MÁIS DE 40.000 EUROS EN LUCES ARTÍSTICAS PARA AUTOILUMINARSE, TRAS REXEITAR AUMENTAR AXUDAS A PEMES E AUTÓNOMOS COMO PROPUXERON OS SOCIALISTAS

Un espazo de só 165 metros cadrados pasará a estar iluminado por 74 focos inhalámbricos e orientables que custarán case 500 euros por unidade tras adxudicar un contrato a dedo e ás agachadas

Gómez denuncia “unha nova falcatruada e unha nova iluminación do señor Baltar” con luminarias a un “prezo moi por riba do habitual” e un gasto innecesario “mais aló da cabeza deste egocentrista”

Ourense, 15 de xuño de 2020. O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, vén de adxudicar a dedo e ás agachadas á empresa Ingelector SL, un contrato co que gastará, en plena pandemia, 40.690 euros en 74 luces artísticas para autoiluminarse logo de, por exemplo, rexeitar incrementar o importe de fondos que a institución destina en axudas a pemes e autónomos, tal e como reclamaron os socialistas durante o pleno de maio.

O pasado 2 de xuño, Baltar impulsaba esta contratación sen concurso público e daba “orde” para que “se curse invitación para participar no expediente” a esta empresa con sede na terceira cidade de Galicia. O fin último do contrato é a “iluminación escénica” da corporación durante os plenos que, nun espazo de só 165 metros cadrados repleto de grandes fiestras en tres das súas catro paredes, pasarán a estar alumeados por 74 novos focos inhalámbricos e orientables que custarán case 500 euros por unidade.

O deputado provincial, Nacho Gómez, denuncia que estamos ante “unha nova falcatruada e unha nova iluminación do señor Baltar” que “vén de aprobar un despilfarro sen sentido e sen que ninguén lle presentara a necesidade” dunha “obra a dedo escondida entre as moitas que da a dedo”. “Cada foquito, entre material, traballos e beneficio industrial custará aos ourensáns preto de 500 euros”, advirte o deputado antes de recordar que “estes traballos poderían facelos perfectamente calquera dos operarios de mantemento que hai na deputación, tal e como facemos nós na casa”.

Gómez advirte dun “prezo moi por riba do habitual nestas luminarias” e destaca que o custe total “dunha cousa que non é necesaria mais aló da cabeza deste egocentrista” porque o único fin é que “as televisións o recollan mellor a el” xa que “hai vilas completas que renovan a súa iluminación por menos cartos”. Gómez destaca que “é necesario que a indignación dos cidadáns ante este tipo de despilfarros se volva en contra do señor Baltar e dos seus socios de DO, que agora apoian este tipo de falcatruadas que antes tanto denunciaban”.

O deputado tamén denuncia a “censura” do goberno provincial tras denegar ao PSdeG-PSOE o uso do salón de plenos, a pesar de pedilo por escrito con antelación suficiente en base a disposto no regulamento orgánico da institución, co fin de informar sobre estes feitos. A norma dispón no artigo 13 que “os grupos políticos provinciais terán dereito á utilización de locais de titularidade da Deputación Provincial, para reunións con persoal, colectivos ou entidades da provincia. Para tal efecto, deberán solicitarlle á Presidencia o uso do dito local coa suficiente antelación, o cal se autorizará agás nos casos en que os ditos locais deban ser utilizados para o funcionamento dos servizos provinciais”.

A Deputación de Ourense xustifica por escrito este avultado malgasto na “necesidade de crear un entorno visual confortable e que favoreza a captación de imaxes e a retransmisión televisiva” e asegura que esta “iluminación escénica” pretende “conseguir o equilibrio óptimo entre os requirimentos dos actos, as consideracións arquitectónicas e a eficiencia enerxética da instalación”.