Deputación de Ourense INICIATIVAS

O PSdeG-PSOE reúnese con CEO, AEPA e Federación de Comercio para defender e mellorar axudas a autónomos e pemes

O PSDEG-PSOE MANTÉN UN ENCONTRO CON CEO, AEPA E A FEDERACIÓN DE COMERCIO PARA DEFENDER A NECESIDADE DE INCREMENTAR E MELLORAR AXUDAS A PEMES E AUTÓNOMOS

Tamén resaltaron o importante papel do Goberno central na provincia, con máis de 25 millóns destinados a máis de 10.000 autónomos e 47 millóns para persoas afectadas por ERTE ou polo desemprego

Ourense, 29 de xuño de 2020. O PSdeG-PSOE de Ourense mantivo hoxe un encontro coa presidenta da Confederación Empresarial de Ourense (CEO), Marisol Nóvoa; co presidente da Asociación Empresarial de Profesionales e Autónomos de Ourense (AEPA), David Martínez; e coa presidenta da Federación de Comercio de Ourense, Beatriz Gómez, para defender a necesidade de incrementar e mellorar as axudas a pemes e autónomos.

No encontro, o secretario provincial dos socialistas, Rafa Villarino, e o secretario de organización e senador, Juan Carlos Francisco, explicaron a posición do PSOE, que defende un aumento dos fondos destinados a estas prestacións extraordinarias, así como a súa mellora co fin de chegar a todos os afectados e afectadas pola pandemia. Así mesmo resaltaron o importante papel que están a xogar as axudas do Goberno central na provincia, con máis de 25 millóns destinados a máis de 10.000 autónomos e 47 millóns para persoas afectadas por ERTE ou que están a cobrar prestacións por desemprego desde a declaración do estado de alarma o pasado 14 de marzo.

Os socialistas insisten na necesidade de evitar “privilexios” entre os afectados e afectadas pola pandemia porque “non hai autónomos de primeira e de segunda”. Así mesmo reclaman “garantías legais” para todas as persoas que solicitaron prestacións da Deputación de Ourense e que poden verse afectadas polas irregularidades na xestión do goberno provincial bipartito de PP e DO.