Eleccións Galicia 2020 Xunta

O PSdeG-PSOE porá en funcionamento o transporte metropolitano de Ourense no primeiro semestre na Xunta

O PSDEG-PSOE APROBARÁ O PLAN DE TRANSPORTE METROPOLITANO DE OURENSE NOS PRIMEROS SEIS MESES DA LEXISLATURA TRAS UNHA DÉCADA DE MARXINACIÓN DE FEIJÓO

Francisco destacou que “Feijóo está condenando aos concellos da contorna” e “aos veciños e veciñas á desconexión máis absoluta” tras manter a Ourense como a única área galega sen este servizo

Villarino preguntou “que ten Feijóo contra Ourense” por esta “marxinación inédita” e denunciou a “desfachatez” de Ethel Vázquez por anuncios electoralistas obviando un plan que é competencia súa

Ourense, 1 de xullo de 2020. O PSdeG-PSOE aprobará o plan de transporte metropolitano de Ourense e constituirá formalmente a área metropolitana da terceira cidade de Galicia nos primeiros seis meses da nova lexislatura con Gonzalo Caballero de presidente da Xunta. A candidatura ao Parlamento galego compareceu hoxe na capital acompañada de alcaldes e portavoces de todos os concellos da contorna para denunciar o “vilipendio” de Feijóo, tras convertela na única área urbana galega sen plan de transporte mancomunado, a pesar de ter ao longo do último lustro “dous alcaldes da súa corda”. “Que ten Feijóo contra Ourense”, preguntáronse.

O candidato número dous, Juan Carlos Francisco, destacou que “Feijóo está condenando aos concellos da contorna á desconexión máis absoluta” porque “é incapaz de por de acordo co resto de municipios ao exalcalde de PP e agora a Jácome”. “Feijóo condena á poboación da área metropolitana, cada vez máis envellecida e con maiores problemas de mobilidade, á imposibilidade de desprazarse en transporte público regular”, insistiu.

“Estamos ante unha mentira máis do señor Feijóo” que amosa “a súa nula vontade e compromiso coa provincia”, advertiu tras sinalar que “reitera o seu incumprimento, ano tras ano, para implantar o transporte metropolitano”. “Os incumprimentos de Feijóo con esta cidade, esta área metropolitana e esta provincia son unha afronta que os nosos veciños e veciñas non merecen”, insisten os socialistas. Fronte a isto, Francisco anunciou o compromiso do PSdeG para corrixir a situación coa constitución da área metropolitana e a posta en marcha do plan de transporte no primeiro semestre da nova lexislatura.

Pola súa banda, Rafa Villarino, preguntou “que ten Feijóo contra Ourense” tras manter á cidade e aos municipios metropolitanos “nunha marxinación inédita en Galicia”, xa que todas as urbes galegas desfrutan deste servizo desde hai anos. “Ethel Vázquez tivo a desfachatez de vir hai poucos días a presentar electoralistamente unha tarxeta para viaxes da xente nova por toda a provincia, cando levamos 25 anos agardando polo transporte metropolitano que depende dela e polo que non fixo nada”, advertiu.

Villarino recordou que, cando presidía Emilio Pérez Touriño a Xunta, “había un plan e un sistema de financiamento que foi paralizado en canto o PP chegou ao goberno galego en 2009”. “Hoxe poderían estar desfrutando 150.000 persoas deste servizo nunha área que podería ser a maquinaría máis potente da economía” e que “está paralizada unha vez máis”. “Feijóo ten que deixar a demagoxia de vir facer anuncios electorais sen concretar nunca nada, porque a veciñanza e as empresas de transporte da nosa provincia están fartas destes incumprimentos”, concluíu.