Eleccións Galicia 2020 Xunta

Caballero daralle a Valdeorras o “pulo que precisa” tralo abandono reiterado de Feijóo

CABALLERO DESTACA EN O BARCO QUE “VALDEORRAS EXISTE” E “ÍMOSLLE A DAR O PULO QUE PRECISA” ADEMAIS DE DESTACAR A “LOITA POR UNHA SANIDADE PÚBLICA DE GARANTÍAS”

“Cando gobernaba a dereita apostaron por salvar bancos e deixar na cuneta as persoas e os socialistas apostamos por un escudo protector que non deixe a ninguén atrás”, subliñou Caballero

Calvo subliñou que “Galicia precisa dar un cambio de 180º” e destacou que esa opción pasa por votar a Gonzalo Caballero o domingo para que aposte “por novas políticas que revitalicen o rural”

O Barco, 7 de xullo de 2020. Gonzalo Caballero destacou hoxe a importancia de “loitar por unha sanidade pública, universal, gratuíta e de garantías no que as persoas teñan as mesmas oportunidades sen importar a comarca na que residan” e subliñou que “o noso país leva 4 anos nas rúas, loitando pola sanidade pública e defendendo no caso de Valdeorras un hospital comarcal para que as crianzas e os enfermos teñan as mesmas oportunidades que calquera doutras comarcas”. Así o dixo o candidato do PSdeG á presidencia da Xunta nun mitin no Barco no que interviron a vicepresidenta primeira do Goberno, Carmen Calvo; o número 4 pola provincia, Eduardo Ojea; e o alcalde do Barco, Alfredo García.

O candidato do PSdeG ao Parlamento de Galicia subliñou que “Valdeorras existe” e que “precisa dun pulo dende todas as administracións públicas porque conta con xente traballadora e que precisa un futuro para os seus fillos e netos sen que teñan que emigrar en busca dun futuro”. Caballero comprometeuse a que “baixo un goberno progresista, Valdeorras terá o peso que merece nas administracións, dándolle voz a esta terra” e destacou que para “acadar este compromiso, temos que convencer á veciñanza para que voten o PSdeG e Eduardo Ojea “Potolo” sexa deputado e defenda todas as necesidades que ten esta comarca”.

“Cando noutra crise gobernaba o PP, apostou por salvar bancos e deixar na cuneta as persoas”, afirmou Caballero, que tamén apuntou que por contra “os socialistas apostamos por un escudo protector para que ninguén quede atrás” e subliñou “foi o Goberno o central o que apostou pola saúde das persoas”. O líder dos socialistas galegos tamén lle recordou a Feijóo que “foi gracias o estado de alarma impulsado polo Goberno central como se salvaron vidas en Galicia” e lembrou que “cando tocaba prolongar o estado de alarma Feijóo e a dereita só buscou a confrontación e o boicot”.

Pola súa banda, a vicepresidenta primeira do Goberno, a socialista Carmen Calvo, aproveitou o seu discurso para destacar “a importancia do cambio en Galicia” e “apostar polo estado de benestar polo que tanto loitamos os socialistas”. Calvo lanzou tamén unha mensaxe a cidadanía para “cambiar o futuro de Galicia para que os mozos e mozas teñan oportunidades na terra e non vaian na procura dun futuro lonxe das súas raíces” e fixo fincapé na importancia de “revitalizar o rural” porque segundo subliñou “é o lugar onde a vida é apracible e non se compite, senón que se desfruta dos momentos”.

A vicepresidenta fixo referencia tamén a pandemia da COVID-19, afirmando que “o Goberno traballou para que ninguén quedase atrás” e fixo referencia a labor do principal grupo da oposición, o PP, os que acusou de “buscar a confrontación co Goberno en lugar do virus, que foi o único inimigo nos últimos meses e aínda o segue a ser, xa que moita xente segue a loitando pola súa vida”. Carmen Calvo destacou tamén que trala pandemia “fará falla moito socialismo e moitas ideas e traballo progresista para que a cidadanía non quede tirada” e apuntou que “somos socialistas e estamos, 140 anos despois, defendendo revolucións pacíficas, baseadas na igualdade, pagar impostos para protexer e a xustiza social”. A vicepresidenta rematou facendo un chamamento a “votar o PSdeG e a Gonzalo Caballero para que Galicia dea un xiro de 180º e aposte por novas políticas para rescatar esta terra do ostracismo”.

O Nº4 da candidatura socialista, Eduardo Ojea, fixo un chamamento para “ter voz propia no Parlamento de Galicia” e “rematar con 11 anos de abandono por parte do goberno do PP”. O candidato valdeorrés tamén lle trasladou a Gonzalo que “o 12 de xullo, cando sexas presidente, vas ter un Valdeorras reivindicativo para rematar con anos de ostracismo”. Subliñou tamén as grandezas da comarca que segundo apuntou “temos que pór en valor, xa que contamos cunha denominación de orixe, con monumentos importantes, parques naturais, riqueza natural, o sector da pizarra ou a gastronomía”. Ojea rematou facendo referencia o desmantelamento sanitario levado a cabo polo Partido Popular en Valdeorras sinalando que “pasamos de contar cun hospital de primeira a ter un hospital desmantelado e que obriga á veciñanza a acudir a Ourense a recibir atención médica”.

O alcalde de O Barco, Alfredo García, resaltou a labor do Goberno do Estado “que dende o minuto 1 da do inicio da pandemia provocada pola COVID-19, estivo resolvendo problemas, combatendo o virus e pondo a disposición da cidadanía recursos económicos en forma de axudas a pemes e autónomos” e subliñou que en O Barco, “ninguén quedou abandonado nin atrás   porque chegamos coa experiencia de 2012 de cando entrou Rajoy no Goberno e  a xente foi quedando atrás” e fixo fincapé pondo como exemplo o sector da pizarra onde afirmou que “os traballadores tiveron axudas e cobraron ERTES”.