Eleccións Galicia 2020 Xunta

Caballero aprobará unha nova intermodal para Ourense «nada máis tomar posesión» co apoio do Goberno central que «acepta o desafío»

CABALLERO ANUNCIA NOVO PROXECTO PARA A INTERMODAL DE OURENSE “NADA MÁIS TOMAR POSESIÓN COMO PRESIDENTE E CO APOIO DO GOBERNO” ANTE O MINISTRO ÁBALOS QUEN “ACEPTOU O DESAFÍO”

“Nada máis tomar posesión como presidente da Xunta vou mudar o proxecto da estación da man do Goberno de España co que imos ter a máxima colaboración”, proclamou o candidato do PSdeG-PSOE

O ministro de Transportes e Mobilidade, José Luis Ábalos, respondeu asegurando que “acepto o desafío que me propuxeches” porque «ímolo arranxar con lealtade e coa vontade de facer o mellor para Ourense»

Ourense, 9 de xullo de 2020. O candidato do PSdeG-PSOE á presidencia da Xunta reafirmou hoxe o seu compromiso para dotar a Ourense dunha estación intermodal que non “rompa” a cidade e non “separe barrios”, incluíndo o traslado da estación de autobuses, “nada máis tomar posesión como presidente”. Gonzalo Caballero remarcou a súa intención de modificar o proxecto prexudicial ideado polo PP ante o ministro de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, José Luis Ábalos, quen dixo: “acepto o desafío que me propuxeches” porque «ímolo arranxar con lealtade e coa vontade de facer o mellor para Ourense» e porque «me preocupa Ourense e me preocupa Galicia”.

Caballero corrixirá así un dos maiores agravios que o goberno do PP está a executar na terceira cidade de Galicia, onde Feijóo recortou o investimento para rodear un centro de saúde con 300 autobuses ao día. “Imos cumprir con Ourense porque temos un compromiso coa cidade”, proclamou antes de anunciar que “nada máis tomar posesión como presidente da Xunta vou mudar o proxecto da estación da man do Goberno de España co que imos ter a máxima colaboración”.

Durante o acto na Praza das Mercedes da capital ourensá, Caballero aseverou que “de aquí ao domingo temos que por a sexta marcha para gañar o goberno” porque “logo de 11 anos de PP, Galicia necesita abrir as fiestras cun goberno de progreso para saír desta crise pola esquerda”. O candidato salientou que “estamos comprometidos con esta cidade e esta provincia” fronte a Feijóo que “puxo de alcalde a un home que definira como letal para Ourense” a través “dun acordo da indignidade”.

Pola súa banda o ministro, José Luis Ábalos, afirmou que “acepta o desafío” que lle propuxo Caballero “porque me preocupa Ourense e me preocupa Galicia” e porque «ímolo arreglar con lealtade para facer o mellor para Ourense». “Galicia non lle importa ao señor Feijóo porque quere marchar e só está esperando para que Pablo Casado se estrelle un pouco máis”, todo o “contrario do que representa Gonzalo”, salientou. “O futuro de Galicia pasa por Gonzalo Caballero”, proclamou o ministro.

Pola súa banda o secretario provincial, Rafa Villarino, denunciou o “caciquismo letal” que goberna Ourense co apoio da Xunta e anunciou que “a fin do cacicato está próxima porque están patexando máis que nunca”. “Estamos a poucas horas de devolver a dignidade a esta cidade e a esta provincia porque Gonzalo Caballero será como presidente da Xunta a nosa dignidade e a nosa honra”, insistiu.

A número 1 ao Parlamento pola provincia, Marina Ortega, aseverou que “en tres días podemos reescribir a nosa historia” porque “estamos ante as eleccións máis importantes e vitais” dos últimos anos e criticou ao presidente da Xunta por “atribuírse méritos que son de todos nós” desde a pandemia. “Se nos mobilizamos haberá cambio”, dixo antes de insistir en que “debémoslle este cambio aos nosos fillos, aos nosos maiores, aos traballadores desamparados e a esta provincia para que non quedemos atrás”.