Deputación de Ourense INICIATIVAS

Presentamos unha emenda á moción de Ciudadanos na Deputación

O PSDEG-PSOE DE OURENSE AVOGA POR UNHA ACHEGA ÚNICA ORZAMENTARIA DA DEPUTACIÓN DE OURENSE AOS CONCELLOS DA PROVINCIA QUE SE FAGA EXTENSIVA A ANOS VINDEIROS

Os socialistas presentan unha emenda engádega a moción de Ciudadanos, coa que “concordan no exposto”, pero afirman que esta achega debe “facerse extensiva a outras anualidades”

Apostan por criterios “obxectivos, equitativos e democráticos”, deseñados baixo os principios de “transparencia, confianza lexítima e lealdade institucional”, a través dunha “mesa de diálogo e traballo”

Ourense, 30 de xullo de 2020. O PSdeG-PSOE de Ourense presenta unha emenda engádega a moción que defenderá Ciudadanos no pleno ordinario do mes da xullo na Deputación de Ourense e na que este grupo piden que nos orzamentos de 2021 se recolla unha única achega aos concellos. Dende o Grupo Provincial Socialista solicitan, a través desta emenda, que se “estenda” esta achega única orzamentaria, por parte do ente provincial aos concellos, a “futuras anualidades”. Os socialistas seguen a defender o modelo orzamentario do plan único, no que o reparto de fondos da Deputación faríase de xeito equitativo e igualitario, sen as grandes fendas económicas que se producen na nosa provincia entre os diferentes concellos.

Un programa anual e universal, baseado en criterios obxectivos, equitativos e democráticos, deseñados baixo os principios de transparencia, confianza lexítima e lealdade institucional, a través dunha mesa de diálogo e traballo, é a proposta que fan os socialistas ourensáns a moción presentada por Ciudadanos. Dende o PSdeG-PSOE de Ourense consideran “insuficiente” que tan só se teñan en conta a obxectividade no reparto e a achega única “durante un ano” e avogan por consolidar un “plan único de reparto equitativo durante anos vindeiros”.

Os socialistas “concordan” co exposto na moción presentada polo grupo Ciudadanos, aínda que “reiterando a nosa proposta de esta achega única para os concellos, mantendo os principios sinalados no punto 1 da moción presentada, polo que presentamos dita emenda”.

Dende o Grupo Provincial Socialista afirman que “a excepcionalidade da COVID-19 podería prolongarse no tempo, polo que compre estar preparados” e subliñan novamente que “nós defendemos un sistema de esencia democrática baseado na razón cordial, cuxa meta é atender as necesidades dos demais, respectar as diferentes idiosincrasias e proporcionar os recursos que permitan acadar os fins diversos e o desenvolvemento global de Ourense”, polo que segundo afirman “todo pasa por un plan único que se prolongue no tempo”.