Política municipal SERVIZOS PÚBLICOS

Os socialistas de Leiro reclaman de novo un informe técnico sobre a permanencia na Mancomunidade do Ribeiro

O PSDEG-PSOE DE LEIRO REITERA A SOLICITUDE DUN INFORME ECONÓMICO SOBRE A PERMANENCIA DO CONCELLO NA MANCOMUNIDADE DO RIBEIRO

“Temos comprobado que os servizos prestados pola Mancomunidade son negativos e gravosos para o Concello de Leiro desde hai anos e, polo tanto, para toda a veciñanza”, advirte Manuel Rodríguez

Os socialistas denuncian a “actitude irresponsable e caciquil” do goberno local do PP que “antepón os seus intereses aos dos veciños e veciñas a pesar de que as cifras que temos desvelado son elocuentes”

Ourense, 10 de agosto de 2020. O PSdeG-PSOE vén de reiterar a solicitude dun informe á secretaría-intervención municipal así como ao alcalde, sobre a permanencia do concello na Mancomunidade do Ribeiro. Os socialistas insisten en que a continuidade neste órgano só se debe a intereses políticos e personais que, sin embargo, non reportan ningún tipo de beneficio dotacional ou económicos a este municipio ourensán, e por iso demandan un documento técnico que analice esta situación.

“Temos comprobado que os servizos prestados pola Mancomunidade do Ribeiro son negativos e gravosos para o Concello de Leiro desde hai anos e, polo tanto, para toda a veciñanza”, advirte o portavoz, Manuel Rodríguez, quen denuncia a “actitude irresponsable e caciquil” do goberno local do PP que “antepón os intereses do Partido Popular aos dos veciños e veciñas a pesar de que as cifras que temos desvelado os socialistas son moi elocuentes”.

Desde a agrupación municipal instan a secretaría-intervención a formular, á maior brevidade posible, este informe no que se determine favorable ou desfavorablemente sobre a permanencia nesta mancomunidade. “Seguir neste órgano é unha desfeita económica para os intereses de Leiro e, por iso, outros concellos da contorna como Ribadavia, Melón, Carballeda de Avia, Castrelo de Miño e Avión xa o abandonaron hai tempo”, resaltan. Recordan que a Mancomunidade do Ribeiro constituíuse con dez concellos e na actualidade unicamente quedan cinco, que supoñen o 32,5 % da poboación inicial.

Os socialistas sinalan que, por exemplo, no reparto do custo do servizo do lixo detéctanse unha serie de anomalías desde o ano 2016 que favorecen ao Concello de Arnoia e prexudican aos outros catro municipios “con favoritismos evidentes no reparto de custes”. Así mesmo destacan que o parque móbil da mancomunidade traballa, de media, menos dun mes ao ano, o que supón “altos custes en mantemento da maquinaria que está parada a meirdande parte dos días e que presta un servizo paupérrimo”.

Rodríguez recorda tamén que “as aportacions dos concellos e dos veciños e veciñas non son suficientes para manter operativa a mancomunidade, polo que é a Xunta de Galicia quen debe asumiar a metade dos gastos orzamentados mediante subvencións ano tras ano”. Así pois, o voceiro insiste na necesidade de obter este informe económico-financieiro “á maior brevidade”, posto que hai máis dun mes que agarda polo documento e porque, a permanencia nesta institución está a causar un “evidente prexuízo económico” a Leiro.