Denuncias POLÍTICA PROVINCIAL Socialistas

Rexeitamos a moción de censura do PP en Viana con tránsfugas

O PSDEG-PSOE DE OURENSE REXEITA A MOCIÓN DE CENSURA ORQUESTRADA POLO PP EN VIANA DE O BOLO E CALIFICA OS DOUS CONCELLEIROS QUE PACTARÁN CON ELES COMO TRÁNSFUGAS

Os socialistas anuncian a expulsión destes dous concelleiros que se pasaron o grupo de non adscritos argumentando o “transfuguismo político” e acúsaos de “traizoar a vontade da veciñanza de Viana”

“Esta é unha manobra de dúas persoas que non buscan máis que satisfacer as súas ambicións persoais por riba das siglas, as ideas e a vontade do partido e a veciñanza”, sinalan dende o PSdeG de Ourense

Ourense, 18 de agosto de 2020. O PSdeG-PSOE de Ourense rexeita “contundentemente” a moción de censura orquestrada polo Partido Popular en Viana do Bolo, co beneplácito de dous concelleiros socialistas que se pasaron o grupo de non adscritos e que o partido cualifica como “tránsfugas”. Os socialistas anuncian, así mesmo, a expulsión inmediata destes dous concelleiros do partido e argumentan que se trata dun caso flagrante de “transfuguismo político”, alegando que o PP e Baltar tratan de “conseguir a través de tránsfugas o que non acadaron nas urnas cos votos da veciñanza”.

Os socialistas ourensáns lembran que nas últimas datas se estaba a levar a cabo unha mesa de negociación co BNG para conformar un goberno progresista en Viana do Bolo e acusa a Abelardo Carballo e Santiago Barja de “boicotear os acordos con esta manobra e pacto antinatura co PP”. Unha manobra que para o PSdeG-PSOE de Ourense non é máis “cun intento de bloquear a vontade das forzas progresistas para acadar avances para Viana do Bolo” e acusan os populares de “buscar alcaldías a toda costa nunha comarca na que saben que perderán un deputado provincial nas vindeiras eleccións”.

O PSdeG-PSOE de Ourense deixa claro que estes dous concelleiros son “tránsfugas que non representan o partido e que están traizoando a vontade daqueles que os votaron e confiaron en eles o presentarse baixo as siglas do PSOE as eleccións municipais”. Os socialistas acusan os dous tránsfugas de “buscar a súa satisfacción persoal por riba das siglas, as ideas e a vontade do partido e a veciñanza de Viana do Bolo co único fin de que un deles cumpra a súa ambición de ser o alcalde do municipio”.

Dende o seno socialista tamén lembran que a mesa de negociación entre PSdeG e BNG para acadar un goberno de progreso reuniuse a pasada semana e na mesma estiveron sentados estes dous concelleiros, polo que “chama moito a atención que sen previo aviso e sen comunicar nada o partido, estas dúas persoas decidan agora facer saltar polos aires posibles acordos de goberno” e alegan que esta situación deixa claro que “a moción leva tempo cociñada e os tránsfugas secuestran agora a vontade do pobo de Viana”.