concellos Denuncias

Os socialistas de Ribadavia denuncian as promesas incumpridas do alcalde do PP

O PSDEG-PSOE DE RIBADAVIA DENUNCIA AS “FALSAS PROMESAS” E O “FUME BARATO” DO ALCALDE DO PARTIDO POPULAR E ACÚSAO DE “INCUMPRIR” O ACORDADO COS COMERCIANTES E CO PSOE

Os socialistas lémbranlle que se comprometeu publicamente nunha reunión con varios estamentos e tras unha petición do PSOE a que o aparcadoiro da Alameda fose gratuíto, durante un tempo indefinido, algo que meses despois aínda non cumpriu

O voceiro socialista, Ignacio Gómez, afirma que o rexedor “ten dúas facianas” e acúsao de incumprir “de xeito sistemático” coa vila e a veciñanza

Ourense, 20 de agosto de 2020. O PSdeG-PSOE de Ribadavia vén de denunciar publicamente as “falsas promesas” e o “fume barato” vendido polo alcalde da vila do Partido Popular, César Manuel Fernández Gil, o que acusan de “incumprir” o acordado coa Asociación de Comerciantes da vila e co PSOE nunha reunión mantida fai uns meses e na que os socialistas o instaron a que o aparcadoiro da Alameda fose de carácter gratuíto durante un tempo indefinido. Dende o Grupo Municipal Socialista afirman que “meses despois esta medida non se levou a cabo” e apuntan que “esta non é máis que outra promesa incumprida dun alcalde o que a vila e a veciñanza lle importan pouco ou nada”.

Dende o seno socialista lembran que durante a crise provocada pola COVID-19, celebrouse unha reunión cos grupos da oposición e o alcalde chegou a un pacto co PSdeG-PSOE na vila para levar a cabo medidas enfocadas a reactivación do comercio e a axudar ao colectivo de autónomos. “Nós chegamos a un acordo co alcalde e co Partido Popular e meses despois unha das medidas que lle propuxemos e que aceptou, como é que o aparcadoiro da Alameda fose de carácter gratuíto, segue sen cumprirse”, explica o voceiro socialista Ignacio Gómez. Unha medida coa que os socialistas trataban de “reactivas e incentivar” o comercio local, co obxectivo de “competir en igualdade de condicións” con outras vilas, que xa levaron a cabo medidas similares.

A realidade a día de hoxe, tal e como apuntan dende o seno socialista en Ribadavia, “é que o alcalde enganounos, comprometeuse a levar a cabo esta medida e a día de hoxe o aparcadoiro segue sendo de pago e non se incentivou para nada o comercio nos locais da vila”, afirma Gómez, quen acusa tamén o rexedor, César Fernández, de “non mover un dedo pola vila, polos comerciantes, nin pola veciñanza” e lémbralle que en máis dun ano de mandato “non foi quen de elaborar nin un só proxecto, máis aló de vender as obras e proxectos herdados do anterior mandato”.

Os socialistas apuntan tamén a que o aparcadoiro tivo que ser rescatado polo Concello de Ribadavia, despois que durante a última lexislatura co PP ao fronte do Concello, se “malvenderan os terreos e se desfixera unha Alameda que era un exemplo e un lugar magnífico na vila”. Apuntan dende o PSdeG-PSOE a que esta “herdanza envelenada” do aparcadoiro, tivo que ser rescatada con cartos públicos e que, a día de hoxe, “aínda se segue pagando o rescate a concesionaria cos cartos de tódolos veciños e veciñas de Ribadavia grazas a pésima xestión que os populares levaron a cabo con este aparcadoiro e cos terreos da Alameda”.

Dende o PSdeG-PSOE de Ribadavia volven a reivindicarlle o alcalde que estableza “dunha vez” o aparcadoiro de carácter gratuíto, “aínda que só sexa en horario comercial” e que “deixe de mentir, enganar e facer falsas promesas, como o acontece de xeito sistemático”. “Non é de recibo que o alcalde teña dúas facianas, unha pública na que se compromete cos comerciantes, asociacións, sindicatos e grupos políticos a que o aparcadoiro sexa gratuíto e outra escura, na que todo o que promete acaba converténdose en fume que se leva o vento”, apunta Ignacio Gómez, que tamén finaliza afirmando que “xa vai sendo hora de que se poña a traballar por Ribadavia e as súas xentes”.