concellos Denuncias

Os socialistas de Viana pídenlle ao alcalde “coherencia e sensatez” nas súas declaracións

O PSDEG-PSOE DE VIANA DO BOLO PÍDELLE AO ALCALDE, SECUNDINO FERNÁNDEZ “COHERENCIA E SENSATEZ” E LÉMBRANLLE QUE SÓ RECIBIRON DEL “LARGAS E MALAS CONTESTACIÓNS”

Os socialistas denuncian a campaña orquestrada polo rexedor en xornais e redes sociais, acusándoos de ser culpables da moción de censura e explican que a agrupación local non a apoia, nin tampouco a decisión dos dous tránsfugas

“Na derradeira xuntanza cos máximos responsables de ambos partidos chegarase a un acordo para compartir a alcaldía, pero en última instancia o BNG rexeitouno”, afirman  dende o PSdeG en Viana

Ourense, 27 de agosto de 2020. O PSdeG-PSOE de Viana do Bolo pídelle ao actual alcalde do municipio, Secundino Fernández, “coherencia e sensatez” ante a campaña que este orquestrou en xornais e redes sociais acusando ao PSOE de ser culpables da moción de censura. Os socialistas explican que a Agrupación Local non apoia a devandita moción e tampouco concorda coa decisión dos dous tránsfugas que se pasaron o grupo de non adscritos, afirmando que na última reunión da agrupación local, a militancia decidiu por maioría “non apoiar a moción de censura”, aínda que segundo apuntan “a decisión non valeu de nada”, trala decisión tomada polos tránsfugas.

Dende a Agrupación Local Socialista explican tamén que “na derradeira xuntanza cos máximos responsables de PSdeG e BNG chegouse a un acordo para compartir a alcaldía, pero en última instancia foi rexeitado polos nacionalistas”. Unha situación que “cansou” os socialistas que sinalan que “estamos fartos de que o BNG e o alcalde xeneralicen coas nosas siglas e metan no mesmo saco aos votantes, simpatizantes e militantes, acusándonos de traizón”. Dende o partido do puño e da rosa tamén lle piden o alcalde que “non manipule” a opinión pública e que deixe que a veciñanza “saque as súas conclusións” ante unha decisión, a dos tránsfugas, que reiteran “foi minoritaria” e levada a cabo “de xeito personalista” polos dous concelleiros.

Unha moción de censura a que en palabras dos socialistas chegou polas “soberbia” do alcalde, do que afirman “só nos deu largas en todo, malas contestacións e rexeitou tódalas propostas presentadas pola nosa agrupación, tanto para formar goberno como iniciativas para mellorar o noso concello”. Os socialistas tamén votan de menos “algo de humildade e autocrítica” nas verbas do alcalde e recórdanlle que para “ser forza maioritaria necesitaba do noso apoio e en ningún momento vimos vontade de querer formar un goberno de coalición”.

Os socialistas aproveitan tamén para “pedir desculpas” os votantes, ante o feito de que dous membros da lista electoral “pasáranse” o grupo de non adscritos, “converténdose en tránsfugas, cómplices e socios do PP”. Dende a Agrupación Local Socialista afirman que “pedímoslle os tránsfugas que entregasen as súas actas de concelleiros”, pero ante a negativa dos mesmos, apuntan que “non podemos facer nada a pesar de estar en total desacordo coa moción de censura, xa que a acta de concelleiro non pertence o partido, senón que é persoal”. Tamén apuntan que no último pleno, a concelleira que sigue nas filas do PSdeG-PSOE, María Páez, “abandonou o pleno co único motivo de tentar salvar a situación e tratar de convencer a un dos dous concelleiros de non levar a cabo a moción, aínda que lamentablemente non o conseguiu”.

Os socialistas de Viana do Bolo rematan afirmando que “chegamos a unha situación que nin PSdeG-PSOE, nin BNG querían, como é que goberne o Partido Popular co señor Montesinos ao fronte”. Situación ante a cal pídenlle o rexedor que “asuma a súa parte de culpa coma nós asumimos a nosa e se deixe de desprestixiar con falsas testemuñas a un partido que leva moitos anos loitando e defendendo dereitos e liberdades”. “Teñen que ser conscientes de que a moitas persoas, sobre todo maiores que loitaron por eses dereitos e liberdades, fanlle moito dano e séntense aludidos/as”, sinalan dende o PSdeG antes de finalizar dicindo que “estanse a equivocar de inimigo, polo que deben centrar a mira e deixen de apuntar a todo o que se mova”.