Concello de Ourense INICIATIVAS

Diálogo para resolver a grave situación que o PP xerou en Ourense

VILLARINO OFRECE “DIÁLOGO” A TODAS AS FORZAS PARA “RESOLVER A GRAVE SITUACIÓN QUE O PP XEROU NO CONCELLO DE OURENSE” PARA MANTER O SEU ENTRAMADO CACIQUIL NA DEPUTACIÓN

O portavoz municipal sinala que “somos a alternativa ao PP, a quen nunca ofrecín nin ofreceremos un pacto de goberno”, e chama aos grupos da oposición a “concentrar forzas para sacar ao concello do esperpento”.

Ourense, 28 de agosto de 2020. O voceiro socialista no Concello de Ourense, Rafa Villarino, ofreceu hoxe “diálogo” a todas as forzas políticas co obxecto de “resolver a grave situación xerada polo PP co único obxecto de perpetuar o entramado caciquil na Deputación”.

Nese senso, o voceiro socialista deixou claro que “nunca ofrecín nin ofreceremos un pacto de goberno ao PP”, consciente de que “o pacto da indignidade” que selaron Feijóo e Baltar con Democracia Ourensana para impedir “a rexeneración” no concello e na Deputación está no cerne da situación que hoxe se está vivindo en Ourense. “Estamos fronte ao PP, fomos a primeira forza política nas municipais de Ourense, e somos a opción de goberno responsable para a cidade”.

Así pois, Villarino apelou a todos os grupos da oposición a “concentrar forzas para sacar ao concello do esperpento” no que o PP e Jácome sumiron á cidade. “Hai que darlle solución a situación crítica do goberno da cidade, e o PP debería desculparse, pasar á oposición e deixar gobernar á lista máis votada pola cidadanía de Ourense”. “Diálogo con todos, si, pero o Partido Popular debe situarse na oposición, pois é responsable da situación actual na capital da provincia”, conclúe o voceiro socialista na cidade das Burgas.