concellos Denuncias

Os socialistas de Leiro denuncian que o alcalde oculta información relacionada coa COVID-19

O PSDEG-PSOE DE LEIRO DENUNCIA QUE O ALCALDE DO PP OCULTA INFORMACIÓN “DE XEITO DELIBERADO” Á OPOSICIÓN, QUE TEN QUE SABER DE POSIBLES CASOS DE COVID-19 A TRAVÉS DA VECIÑANZA

Os socialistas explican que onte recibiron información sobre un posible positivo de coronavirus nas brigadas de incendios e que unha traballadora da axuda no fogar se atopa en cuarentena e afirman que o alcalde “non nos facilitou ningún tipo de explicación ao respecto”

O voceiro socialista, Manuel Rodríguez, indica que esta ocultación de información “son feitos de suma gravidade” e que lle “preocupa a pasividade dun alcalde que parece que nin está, nin se lle espera”

Ourense, 3 de setembro de 2020. O PSdeG-PSOE de Leiro denuncia que o alcalde do Partido Popular, Francisco José Fernández, oculta información aos membros da oposición de “xeito deliberado” e que teñen que coñecer os casos positivos de COVID-19 a través da veciñanza. Os socialistas afirman que no día de onte tiveron constancia dun posible contaxio na brigada contra incendios do municipio e que tamén unha traballadora da axuda a no fogar se atopa en cuarentena. Ante a falta de información pública por parte do alcalde, o Grupo Municipal Socialista presentou un escrito no rexistro municipal para que se lles facilite “a maior brevidade posible” datos sobre estes posibles contaxios.

Dende o PSdeG en Leiro demandan unha explicación “urxente”, por parte do grupo de goberno do Partido Popular no Concello, sobre que hai de certo nestas afirmacións da veciñanza e afirman que esta situación lles parece “de suma gravidade”, destacando que “coa que está caendo nos últimos días co aumento de casos positivos, a irrupción de gromos e as novas medidas adoptadas non é de recibo que non se traslade comunicación a oposición e á veciñanza de Leiro”.

Solicitan tamén os socialistas, que se lles dea traslado dun informe con todo tipo de detalle, sobre as medidas protocolarias que se están levando a cabo por parte do Concello tanto nas brigadas coma no persoal de axuda no fogar pertencentes o municipio. “Parécenos moi grave todo o que está acontecendo e que se nos oculte a información, polo que requerimos de máxima urxencia, e a través dun escrito no rexistro, información sobre estes posibles casos de coronavirus”, explica o voceiro socialista, Manuel Rodríguez, quen tamén apunta que “agardamos que si hai máis posibles casos positivos de COVID-19 tamén se nos comunique”.

Rodríguez considera que a ocultación de información por parte do alcalde “é un feito grave” e afirma “non dar creto a que non se nos trasladen datos de xeito oficial e teñamos que saber deles a través de veciños e veciñas que nos fan chegar a súa preocupación ante a pasividade dun alcalde que parece que nin está, nin se lle espera”.

Os socialistas solicítanlle tamén o rexedor, a colocación de bandos por todo o termo municipal co fin de “informar á veciñanza sobre posibles casos positivos e ante circunstancias de gravidade, para darlles a coñecer a situación e non crear alarma social.