concellos INICIATIVAS

Os socialistas de Leiro requiren información sobre o regreso as aulas

O PSDEG-PSOE DE LEIRO REQUÍRELLE AO CONCELLO INFORMACIÓN SOBRE AS MEDIDAS PROTOCOLARIAS QUE SE VAN A LEVAR A CABO NO COLEXIO PÚBLICO EMILIA PARDO BAZÁN DO MUNICIPIO

Os socialistas trasladáronlle ao alcalde a través do rexistro 12 medidas de actuación para evitar os contaxios na escola e solicítanlle que “aclare cantas destas adoptarán e cal é o protocolo oficial”

O voceiro socialista, Manuel Rodríguez, sinala que “ante a preocupación dos pais e nais das crianzas de Leiro, vémonos na obriga de requirir información” e apunta que o alcalde “debería informar as familias sobre os protocolos dada a situación actual”

Ourense, 6 de setembro de 2020. O PSdeG-PSOE de Leiro requírelle o grupo de goberno municipal do Partido Popular, información sobre as medidas protocolarias que se van a levar a cabo no colexio público Emilia Pardo Bazán, sito no municipio. Os socialistas presentaron un escrito por rexistro no que lle trasladan ao alcalde, 12 medidas imprescindibles para evitar os contaxios na escola e solicítanlle ademais que “aclare cantas destas medidas se adoptarán e cal é o protocolo oficial que vai a seguir o Concello de Leiro”. Dende o Grupo Municipal tamén lle piden información sobre as medidas que adoptará o propio Concello para frear os posibles gromos nas aulas.

O curso escolar no Colexio Público de Leiro comezará o vindeiro día 10 tanto en Educación Infantil, como en 1º,2º e 3º de Primaria, ademais da educación especial. Por este motivo, os socialistas preguntan sobre as medidas sanitarias que o alcalde levará a cabo para garantir a saúde das crianzas. O voceiro socialista, Manuel Rodríguez Vázquez, sinala que “ante a preocupación dos pais e nais de Leiro, vímonos na obriga de requirir esta información” e apunta a que o alcalde “debería informar as familias dos protocolos que se van a seguir ven a través dun escrito, dunha reunión no propio centro de ensino ou a través de bando”.

Rodríguez Vázquez critica “unha vez máis” o que considera “inacción” por parte do rexedor de Leiro, Francisco José Fernández, o que acusa de “seguir amasando postos de xestión, namentres se dedica a ocultar información á oposición e á veciñanza”. O voceiro socialista apunta a que “é preocupante a deixadez e a desidia coa que o PP goberna en Leiro, onde parece que os problemas da xente non importan e onde a transparencia na información brilla pola súa ausencia”.

Os socialistas trasladáronlle ao Partido Popular, que goberna o municipio, 12 medidas básicas para protexer e velar pola saúde das crianzas e os traballadores e traballadoras do colexio Emilia Pardo Bazán. As medidas en cuestión son as seguintes:

1. Facilitar aos centros recursos de limpeza: xel hidroalcohólico e persoal de limpeza, con obxecto de que cada hora os servizos se limpen. Débese dotar de xel hidroalcohólico a cada unidade escolar / clase.

2. Hixienizar as clases durante os períodos de recreo e os centros completos durante o fin de semana.

3. Expandir as clases: situar aos alumnos garantindo que a distancia deles é a máxima posible. Posibilidade de instalación de aulas provisionais.

4. Contratación de máis profesores para permitir que se poidan crear grupos reducidos que teñan carácter de burbulla en primaria e infantil cun único profesor.

5. Itinerarios diferenciados de entrada e saída do centro.

6. Incrementar os recursos tecnolóxicos do centro: tablets, computadores, plataformas. Editar guías de utilización de recursos tecnolóxicos para o profesorado que inclúan titoriais.

7. Especialmente para os cursos de infantil e primaria, establecer quendas diferenciadas de comedor para os centros que non teñan xornada continuada.

8. Dotación de persoal de enfermaría en cada centro escolar que coordine un plan anti COVID-19 no centro.

9. Comezar as clases con recordatorios e formacións sobre as normas e medidas establecidas adaptados a cada idade/curso.

10. Personalizar os materiais en infantil e primaria para evitar contactos indirectos. Evitar na medida do posible o uso de material compartido nas actividades de educación física e en todo caso hixienizalo de forma constante.

11. Manter as xanelas abertas sempre que sexa posible. En caso contrario, aireala cada hora.

12. Se é necesario, hixienizar o transporte escolar asiduamente e reducir o número de viaxeiros, aumentando o número de rutas.