concellos Denuncias

Os socialistas de A Veiga presentan un documento oficial de orde de derrubamento o edificio que o PP quere converter en residencia de maiores

O PSDEG-PSOE DE A VEIGA PRESENTA UN DOCUMENTO OFICIAL ASINADO POLO CONCELLO E NO QUE SE DEMOSTRA QUE O EDIFICIO QUE O PP PRETENDE ADQUIRIR E CONVERTER EN RESIDENCIA DE MAIORES CÓNSTALLE UNHA ORDE DE DERRUBAMENTO

Os socialistas tiveron acceso a unha notificación asinada polo alcalde de A Veiga en 1990 e no que se da traslado da sentenza de derribo ditada polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia

O voceiro socialista, Fernando Fernández, subliña que de levar a cabo esta adquisición “o grupo de goberno estaría concorrendo nun posible delito de malversación de fondos públicos”

Ourense, 8 de setembro de 2020. O PSdeG-PSOE de A Veiga denunciou o pasado 3 de setembro que o grupo de goberno do Partido Popular no municipio quería adquirir un edificio paralizado por orde xudicial e con irregularidades urbanísticas manifestas nunha residencia de maiores, pois ben, os socialistas tiveron acceso a un documento asinado o 10 de xaneiro de 1990 polo entón alcalde de A Veiga, Vicente García, e no que en virtude a sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia a un recurso presentado polo dono por aquel entón do inmoble, se lle daba traslado da orde de derrubamento inmediato da obra ilegalmente construída.

Documento oficial asinado polo alcalde de A Veiga en xaneiro de 1990 e no que se da orde de derrubamento do edificio que o grupo de goberno municipal quere mercar e converter en residencia para maiores.

Con este documento oficial do Concello de A Veiga, os socialistas consideran que se o goberno municipal seguira adiante coa adquisición deste edificio, estaría concorrendo “nun delito de malversación de fondos públicos”. Dende o Grupo Municipal Socialista tamén recalcan que o concello pretende mercar un edificio a un “prezo excesivo” e alegan que o que realmente está mercando “é un solar, posto que unha vez adquirido, e tal e como sentenciou o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, o edificio debe ser derrubado na súa totalidade, polo que o concello asumiría eses custes engadidos”, explica o voceiro socialista, Fernando Fernández Yáñez, que tamén apunta a outro dato sobre a seguridade dun edificio “que leva 30 anos a medio construír e que dubidamos que os seus muros resistan as obras para a residencia de maiores que pretende levar a cabo o alcalde”.

Dende o PSdeG en A Veiga consideran que este documento municipal “danos a razón”, en referencia a nota enviada fai uns días os medios de comunicación e consideran que “debemos evitar que se formalice esta operación, pois sería lesiva para os intereses das arcas públicas”, destaca Fernández Yáñez, que tamén subliña que “non é de recibo que o Concello asuma os gastos de derrubamento, xa que debería correr con eles o propietario”.

Os socialistas avogan polo derrubamento do edificio para cumprir a orde xudicial e por tentar cobrarlle o propietario os custes desta actuación. Sinalan que o edificio foi mercado fai un par de anos por un novo propietario coa intención de construír un spa con cafetería e demais e animado polo propio Concello para que levase a cabo o proxecto, pero tras quedar sen subvención polas axudas do Plan Leader, todo quedou paralizado. “O que non pode é vir agora o concello a salvar a un propietario e adquirir un edificio en situación ilegal”, apuntan os socialistas.

Fernando Fernández Yáñez destaca tamén que a persoa que iniciou os trámites de denuncia no seu momento “xa nos trasladou que vai a seguir adiante e pedir a execución da sentenza”. Unha sentenza que sigue vixente, xa que as normas urbanísticas seguen sendo as de por aquel entón, despois de que a Xunta leve máis de 12 anos sen aprobar o PXOM de A Veiga, polo que segundo o voceiro socialista “a lexislación vixente é a de entón”.