Concello de Ourense Deputación de Ourense

Ofrecemos un “pacto coa cidadanía” e “diálogo” cos partidos para sacar a Ourense da desfeita causada polo PP

O PSDEG-PSOE REITERA UN “PACTO COA CIDADANÍA” DE OURENSE E “DIÁLOGO” CON TODAS AS FORZAS POLÍTICAS PARA SACAR Á CIDADE DA DESFEITA E O CAOS NA QUE A SUMIU O PP

Os socialistas denuncian que os populares puxeron en escena unha “estratexia coidadosamente planificada” co Concello da terceira cidade de Galicia como “refén” por “intereses económicos e políticos”

Acusan a Baltar e Feijóo de “boicotear” o goberno lexítimo do PSOE cunha burda estratexia que levou a Ourense ao maior caos da súa historia, coa cidade abandonada e as necesidades da veciñanza esquecidas e sepultadas polas súas conspiracións internas”

Ourense, 9 de setembro de 2020. O PSdeG-PSOE de Ourense reitera, unha vez máis, o seu “pacto coa cidadanía” e ofrece diálogo a todas as formacións políticas da corporación local, co primordial obxectivo de sacar á capital da situación de “caos, desfeita, abandono e ingobernabilidade” na que a sumiu o Partido Popular de José Manuel Baltar tras o seu pacto con Democracia Ourensana co Concello da terceira cidade de Galicia como “refén”.

Os socialistas denuncian que os populares puxeron onte en escena unha “estratexia coidadosamente planificada e pensada” que desembocou na “cesión en falso” das súas competencias municipais a causa de “intereses económicos e políticos de poder interno”. “Esta burda estratexia do PP levou a Ourense ao maior caos da súa historia, coa cidade abandonada e as necesidades da veciñanza esquecidas e sepultadas polas súas conspiracións internas”, advirten. 

Desde o Grupo Municipal Socialista teñen claro que o único obxectivo do PP con este pacto foi o de “boicotear o goberno lexítimo” do PSdeG-PSOE, para “manter o control político” da cidade e da provincia. Tamén recalcan que a vontade dos votantes foi “inequívoca” nas últimas eleccións municipais, nas que o PP perdeu 3 concelleiros, pasando dos 10 a 7, nun claro exemplo de que a veciñanza de Ourense non quería un goberno conservador. Situación que tamén se viviu na Deputación de Ourense, onde Manuel Baltar perdeu a maioría absoluta tras perder 40.000 votantes desde que é presidente.

“A vontade democrática da cidadanía foi corrompida polo Partido Popular de Baltar e levounos a unha situación que eles xa tiñan previsto”, destacan os socialistas, que tamén apuntan: “están empregando a cidadanía para os seus propios intereses políticos e económicos”.

Este “pacto en falso” por parte do PP, conseguido sobre a base da ambición personalista de Gonzalo Pérez Jácome, “levounos a unha situación xa prevista, que non era outra que actuar unha vez pasadas as eleccións autonómicas”, salientan os socialistas ourensáns. Despois de varios contactos do PP, tanto en Santiago como en Ourense, “tomaron a decisión de escenificar esta ruptura como medio de esquivar as súas responsabilidades e tratando de manterse alleos por completo a unha situación de caos na cidade de Ourense que eles mesmos provocaron”, afirman dende o PSdeG, antes de subliñar que “o único responsable do que está acontecendo na cidade de Ourense é o Partido Popular e, concretamente, Manuel Baltar e Alberto Núñez Feijóo”.

Os socialistas tamén deixan claro que tras esta intervención “hai intereses políticos e económicos, non municipais” e salientan que o PSdeG-PSOE de Ourense “gañou as eleccións e debería estar gobernando de xeito natural”, polo que reiteran “unha vez máis o pacto dos socialistas coa cidade de Ourense, único pacto capaz de rescatar a cidade desta situación”.

O PSOE ourensán non valora esta intervención do PP “como unha intervención lexítima ou que lexitime o seu modo de actuar” e subliñan que “non nos valen as bágoas de crocodilo que tratou de soltar, nunha clara mostra de teatro, Jesús Vázquez, porque todo responde a unha coidadosa planificación e estratexia pensada e artellada dende Santiago e da que nós temos confirmación polos movementos dos últimos días”.