Concello de Ourense Deputación de Ourense

Reclamamos que Feijóo «dea a cara» e se «faga responsable» do caos na cidade de Ourense

Ourense, 10 de setembro de 2020. Así o dixo hoxe nunha visita a Ourense o secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, onde compareceu xunto co portavoz municipal socialista, Rafael Rodríguez Villarino, para instar a Feijóo a que “dea a cara” e se “faga responsable” da situación de “caos municipal, crise institucional, esperpento e inacción” que xeraron na terceira cidade de Galicia. Nese contexto, Caballero esixiu ao PP que “pasen á oposición, purguen as súas responsabilidades, se desculpen e deixen gobernar á lista máis votada”, a encabezada polo PSdeG.

O secretario xeral instou ao presidente do PPdeG a “sentarse xunto con Baltar e Jácome, explicar que é o que fixeron e darlle unha solución á cidade”, logo de acadar un “acordo para poñer á fronte da cidade unha solución letal”. Lembrou así os adxectivos que o propio Feijóo lle dedicaba a quen despois apoiarían como alcalde a cambio de garantir a presidencia de Baltar na Deputación.

“Teñen que explicar o pacto da indignidade e contra natura para manter ao caciquismo na Deputación Provincial” a costa de levar á capital da provincia “a este nivel de inacción esperpento e caos”, incidiu, ao tempo que subliñou que “a cidadanía de Ourense merece unha desculpa e algo distinto deste esperpento”.

“UN GOBERNO CON CAPACIDADE”

O líder dos socialistas galegos reclamou ao presidente da Xunta “que respecte á cidade de Ourense e á súa cidadanía e saque á cidade do caos e crise municipal” posibilitando un “goberno con capacidade de xestión” encabezado por Rafael Rodríguez Villarino.

Engadiu que “todos aqueles que non teñan claro que, para darlle solucións a Ourense, hai que poñer a Rafael Rodríguez Villarino á fronte da alcaldía son cómplices do que está ocorrendo en Ourense e de que Jácome manteña o caos municipal”.

Tras recordar que o PSdeG foi a candidatura máis votada en Ourense nas pasadas eleccións municipais, Gonzalo Caballero sinalou ao presidente da Xunta como responsable dun acordo “que buscaba como prioridade manter ao caciquismo nunha deputación instalada nas prácticas históricas do PP, e intentando mercar vontades a través de acordos en concellos como Castrelo do Miño ou Viana do Bolo”. “Baltar é a man que mece a cuna en todas as operacións desta provincia”, remachou.

Así pois, o máximo dirixente do PSdeG chamou a “retirar todo este caciquismo”, e instou ao presidente da Xunta a que “explique que intereses económicos, urbanísticos e doutra índole ten o PP para que o alcalde que hai un ano lles valía agora xa non lles vale” e “que lles ofrecen aos concelleiros de DO para chegar a este esperpento”.