Denuncias SOCIALISTAS OURENSÁNS NAS INSTITUCIÓNS

Os socialistas denuncian no Xurés o “abandono” do rural por parte da Xunta

OS SOCIALISTAS DENUNCIAN O “ABANDONO” E A FALTA DE POLÍTICAS DE PREVENCIÓN DA XUNTA CONTRA OS LUMES NA PROVINCIA E ARTELLAN INICIATIVAS PARA MUDAR A SITUACIÓN

A fronteira entre Ourense e o norte de Portugal é o lugar da zona Euro co maior número de lumes e superficie queimada ano tras ano, sen que tal e como apuntan dende o PSdeG “se tomen medidas para evitalo”

Os parlamentarios autonómicos Martín Seco, Carmen Dacosta e Marina Ortega e o secretario provincial, Rafa Villarino, avogaron hoxe en Lobios por “unha maior prevención, investigación e actuación”

Ourense, 16 de setembro de 2020. Os incendios que asolan a provincia de Ourense nas últimas semanas seguen arrasando milleiros de hectáreas de montes e reservas naturais da nosa provincia. Un ano máis, a triste realidade dos lumes azouta a nosa terra, deixando en evidencia a falta de políticas forestais activas, de prevención e tamén de extinción na loita contra o lume. O PSdeG-PSOE de Ourense achegouse hoxe a pé da Serra do Xurés, que arde un ano máis con total “impunidade” para denunciar a falta de políticas de prevención contra lumes e o “abandono” por parte da Xunta de Galicia á provincia de Ourense. Os socialistas anuncian unha serie de iniciativas no Parlamento de Galicia co obxectivo de “mudar a situación actual”.

Hoxe, en Río Caldo, no Concello de Lobios, estiveron presentes as representantes do PSdeG-PSOE de Ourense no Parlamento de Galicia, Marina Ortega e Carmen Rodríguez Dactosta; o deputado autonómico e voceiro de medio rural do PSdeG, Martín Seco; o secretario provincial dos socialistas ourensáns, Rafael Rodríguez Villarino; voceiros municipais socialistas da Baixa Limia e o alcalde de Entrimo, Ramón Alonso; que mantiveron unha reunión de traballo para analizar a problemática dos lumes nunha zona que ano tras ano queda arrasada ante, tal e como afirman, “a inacción da Xunta de Galicia”.

Segundo os datos do Sistema Europeo de Información sobre Incendios Forestais, a fronteira entre Ourense e o norte de Portugal é o lugar da zona Euro co maior número de lumes e superficie queimada cada ano. Unha situación que os socialistas consideran que “pon de manifesto que a Xunta debe tomar medidas urxentes nesta comarca, artellar iniciativas que freen o despoboamento e activar a prevención nunha zona que conta cunha reserva da biosfera como é o parque natural do Xurés.

O secretario provincial, Rafa Villarino; as parlamentarias autonómicas, Carmen Dacosta e Marina Ortega; o parlamentario do PSdeG, Martín Seco; o alcalde de Entrimo, Ramón Alonso e voceiros e voceiras socialistas dos concellos da Baixa Limia estiveron hoxe en Río Caldo, a pé do Xurés para denunciar a situación que vive a provincia coa vaga de lumes.

O secretario provincial do PSdeG-PSOE de Ourense, Rafael Rodríguez Villarino, lanzou ante os medios de comunicación unha cuestión sobre que vai a acontecer coa política de prevención e de loita contra os lumes. Villarino afirma que “o abandono por parte da Xunta de Galicia é total” e critica a banalización de Feijóo “cun problema gravísimo como os lumes, dicindo que son un clásico”. O voceiro dos socialistas ourensáns critica tamén que, a pesar de que ano a ano os lumes arrasan a provincia “Feijóo segue sen tomar medidas e sen ir máis lonxe un concello coma Lobios, co Xurés a carón este ano non conta nin con brigada contra incendios.

Villarino aposta por “tomar medidas e que sexan eficaces”, tal e como propón o PSdeG-PSOE de Ourense a través de iniciativas parlamentarias no Parlamento de Galicia para “atallar a problemática derivada da inacción da Xunta de Galicia”. O voceiro socialista tamén sinalou que “Ourense, xunto con Rusia, Australia e California atópase no nivel de zonas con maios lumes do planeta” e apuntou tamén que “non pode pasar que ano tras ano se acabe co patrimonio natural na nosa provincia, sen que ninguén faga nada, nin que teñamos que agardas outros 4 anos para que Feijóo non estea ao fronte da Xunta de Galicia para mudas esta situación”.

Pola súa banda, o parlamentario socialista, Martín Seco, puxo en evidencia as políticas forestais e contra o lume de Alberto Núñes Feijóo sinalando que “son un fracaso absoluto” e criticou que as declaracións do presidente da Xunta e do director xeral de Montes nas que afirmaban que sabía que isto ía ocurrir, polo que Seco pregúntase “por que non fixeron nada?”. O voceiro do PSdeG en materia de medio rural no Parlamento de Galicia denunciou tamén que a situación “ten que ver co abandono que sofre a provincia de Ourense” e destacou que “toca poñer en valor a actividade gandeira, forestal e agraria da provincia”, Cabe destacar que Ourense só aporta o 8% de produción cárnica, o 1% de explotacións gandeiras ou o 5% en materia forestal do total de Galicia.

O parlamentario dos socialistas galegos avoga pola posta en marcha dun plan de funcionamento para loitar contra o despoboamento en Ourense e pola práctica de políticas para poñer en valor a actividade agraria, gandeira e forestal que segundo sinala “está abandonada neste territorio, a pesar das moitas posibilidades porque o noso país precisa importar forraxe e alimentos”. Martín Seco sinala a falta de políticas de prevención coma “outro dos problemas principais na loita contra o lume” e subliña que “a día de hoxe non se comezou con ningún traballo do Pladiga”. O socialista apuntou tamén a situación das brigadas “reducidas en número de traballadores”, a falta de motobombas, “na zona da Baixa Limia xa nos facilitaron datos de que hai 7 menos”, ou a falla dun helicóptero de coordinación que “outros anos organizaba os medios áereos, pero que este ano suprimiuse”, como outros dos puntos que xera os problemas de lumes tan grandes que vive a provincia de Ourense ano tras ano.

Carmen Rodríguez Dacosta amosou o apoio de todo o socialismo galego e ourensán á veciñanza dos concellos que “estes días están a ver como arde a súa paisaxe, pondo en risco as súas vivendas” e tamén as traballadoras e traballadores das brigadas contra incendios de todas as administracións que “están a facer todo o posible para rematar con esta catástrofe”. Tampouco quixo esquecerse dos técnicos forestais, que levan en folga dende o dí 1 de agosto, “sen ser recibidos polo conselleiro de Medio Rural e que non buscan medidas económicas, senón de xestión do seu traballo, recibindo aínda por riba chantaxes que denunciaremos no Parlamento de Galicia”.

Para a representante do PSdeG-PSOE de Ourense no Parlamento de Galicia existen tres “eixos claros para a situación catastrófica que estamos a vivir” e apunta ao “abandono que sofre o rural ante a falta de políticas dignas de emprego, conciliación ou educación”, a “inexistente” política forestal e de xestión do monte e a unha política de prevención que “non existe”. Rodríguez Dacosta subliñou tamén que a Serra do Xurés “é o paradigma da xestión da Xunta, cun parque natural de máis de 300.000 hectáreas no que non se fai nada, no que non hai un director que poida facer unha xestión eficiente, nin que toda actividade que poida existir este regulada, nin tampouco promoción ou estratexia”. “Estamos ante un despropósito continuado”, expresou Dacosta, antes de finalizar afirmando que o PSdeG “está neste parque natural do Xurés arrasado polos lumes e vamos a presentar todas as iniciativas en positivo como xa fixemos en 2017, cando tendemos a man a medio rural para crear unha comisión que estudase e levase a ditame a situación que aquí se vive, pero non fixeron nada e o PP ten moito que explicar”.