POLÍTICA PROVINCIAL SOCIALISTAS OURENSÁNS NAS INSTITUCIÓNS

Os socialistas denuncian en Cualedro o abandono de Feijóo ao rural ourensán

GONZALO CABALLERO RECLAMA A FEIJÓO “NON ESCATIMAR ESFORZOS” FRONTE AO LUME: “NON PODEMOS SEGUIR CUNHA POLÍTICA FORESTAL CONSTRUÍDA ARREDOR DA ESPERANZA DE QUE CHOVA”

O secretario xeral recorda que a Xunta ten as competencias e demanda “unha política do medio rural que coide o territorio e unha política de prevención e de loita contra os incendios que evite situacións de risco”

Pola súa banda o secretario provincial do PSdeG-PSOE de Ourense, Rafa Villarino, subliñou que “fai falta unha política forestal e de prevención nunha provincia abandonada e que ano tras ano sofre os mesmos problemas a causa dos lumes e da inacción de Feijóo”

Cualedro, 18 de setembro de 2020. O secretario xeral do PSdeG-PSOE, Gonzalo Caballero, visitou hoxe a parroquia de Carzoá, en Cualedro, unha das zonas afectadas polos últimos lumes de Ourense, dende onde requiriu a Feijóo “non escatimar esforzos” fronte aos incendios. “Non podemos seguir cunha política forestal construída arredor da esperanza de que chova”, advertiu. “A Xunta ten que defender o medio natural, o medio rural, e tomar todas as medidas de prevención e antiincendios que impidan que o lume chegue ata as casas”, incidiu o líder socialista, toda vez que o lume nesta zona tivo “efectos devastadores“. Precisamente por iso, acompañado de varios veciños, trasladoulles o seu apoio, especialmente a aqueles que perderon ou viron danadas as súas vivendas por mor dos incendios.

“Arderon unhas 10.000 hectáreas, moitas delas en zonas de interese natural moi importantes que quedaron totalmente queimadas e, o máis grave, o lume chegou tamén ata as casas”, recalcou Gonzalo Caballero, quen reclamou que o ocorrido sexa “unha chamada de atención“. “Non nos podemos resignar a que a política da loita contra o lume sexa a política da choiva”, sinalou o máximo dirixente do PSdeG, consciente de que os cambios meteorolóxicos dos últimos días foron clave na extinción destes lumes. “A Xunta ten moitas competencias e medios, e temos que dedicar todas as forzas para conseguir unha politica do medio rural que coide o territorio e unha política de prevención e de loita contra os incendios que evite situacións de tanto risco”, defendeu.

“Temos que facer unha política de medio rural que coide o territorio e acompañar nas súas necesidades ás familias que viven na Galicia do interior, nos pequenos concellos”, reivindicou Gonzalo Caballero, quen sinalou que para iso “son necesarios fondos”. “Non se pode outorgar ás familias a responsabilidade exclusiva de coidar o medio natural e o territorio, ou de manter as franxas en torno ás casas”, remachou, consciente da “ausencia de políticas forestais e rurais da Xunta de Galicia”.

Ao fío diso, recordou que existe un acordo para avanzar en política forestal, pero “o certo é que non se está cumprindo”. “Temos que estar á altura e traballar polo coidado do territorio natural”, indicou, e apelou a “buscar actividades económicas que permitan coidar o territorio e tamén para ter unha política antiincendios que alonxe o lume das casas e que coide a Galicia natural“. “Temos que facer disto unha cuestión de todos os galegos”, concluíu.

Pola súa banda, o secretario provincial do PSdeG en Ourense, Rafael Rodríguez Villarino, lamentou que o presidente da Xunta non visitara a zona tralos lumes que se veñen sucedendo ao longo de todo o verán. “Cal é a política preventiva que ten o PP para facer fronte a esta lacra, a esta praga que temos Certamente non vemos nada, non é ningunha máis que a improvisación”, reprobou.

“Ourense non pode ser noticia cada ano sempre que chega o calor”, sinalou, e instou a “mudaesta situación”. “Fai falta unha política forestal, porque non se pode abandonar a esta provincia”, finalizou.