concellos Denuncias

Os socialistas de Lobios denuncian o abandono por parte da Xunta

O PSDEG-PSOE DE LOBIOS DENUNCIA O ABANDONO “SANGRANTE” DA XUNTA DE GALICIA AO MUNICIPIO E A COMARCA DA BAIXA LIMIA QUE QUEDARON SEN PEDIATRA E DEBEN DESPRAZARSE A CELANOVA

Os socialistas afirman que converteron a sala de pediatría do centro de saúde de Bande nunha sala COVID, deixando sen servizo as crianzas de toda a comarca, que xa só tiñan consulta un día a semana

O concelleiro socialista, David Fernández, critica a precarización dos servizos e apunta á que se vive no colexio de Lobios “cun ratio por aula en educación infantil que preocupa aos pais e nais”

Ourense, 21 de setembro de 2020. O PSdeG-PSOE de Lobios denuncia o abandono “sangrante” que a Xunta de Galicia está a levar a cabo no municipio e en toda a comarca da Baixa Limia. A situación de abandono dos montes e da falta de prevención para evitar os lumes que arrasaron milleiros de hectáreas na zona, súmase agora a precarización do servizo de pediatría do centro de saúde de Bande, que leva as consultas das crianzas de Lobios e do resto da comarca. Ata o de agora, pasábase consulta unha vez por semana, pero o Sergas “decidiu converter a sala de pediatría nunha sala covid”, afirman os socialistas que critican que “os pais e nais teñan que achegarse ata Celanova para que os seus cativos e cativas poidan recibir atención médica”.

O concelleiro socialista en Lobios, David Fernández, explica que “ao converter a sala de pediatría en sala Covid, informáronnos que quedabamos sen médico ata novo aviso e que había que desprazarse a Celanova”. Unha situación que obriga os pais e nais de Lobios a facer máis de 100 kilómetros entre ida e volta se queren que os seus nenos reciban atención pediátrica. “Tiñan un servizo moi deficitario, pero polo menos tiñamos pediatra unha vez a semana, agora nada”, sinala Fernández, que afirma tamén que “non pode haber cidadáns de primeira e de segunda”.

Os feitos acontecen nunha comarca que tal e como apunta o concelleiro socialista “está a sufrir graves problemas demográficos”, o ser unha das comarcas máis castigadas pola perda de poboación. “A veciñanza precisa duns servizos mínimos para poder vivir no rural e actualmente en Lobios non os teñen” destaca David Fernández, que tamén apunta que “na precarización e supresión de servizos non hai cores, aféctanos a todos e todas porque senón hai pediatra, se os servizos están baixo mínimos, a poboación marcha”.

Os socialistas de Lobios tamén denuncian a situación que se vive no centro escolar do municipio, onde os alumnos dos tres cursos de infantil, son repartidos en dúas aulas, pero “non de xeito equitativo”. Nunha das aulas agrúpanse 17 alumnos, namentres que na outra hai tan só cinco. “Non nos explicamos os motivos sanitarios para facer este reparto”, explica Fernández, quen tamén subliña que “na situación actual que estamos a vivir por mor da pandemia, o importante é a saúde e uns protocolos sanitarios correctos e efectivos”.

Dende o Grupo Municipal Socialista de Lobios son conscientes que o centro escolar de Lobios “é pequeno e que conta cuns 50 alumnos e alumnas, pero non pode ser unha terceira parte do alumnado se acene toda xunta nun mesmo aula, cando hai outra practicamente baleira”. Os socialistas denuncian que “os pais e as nais estaban molestos porque tiveron constancia da situación apenas dous días antes de comezar o curso” e recalcan que “deben primar as cuestións sanitarias”.