Concello de Ourense INICIATIVAS

Impulsamos o desbloqueo da cidade de Ourense

O PSDEG-PSOE IMPULSA UNHA INICIATIVA DE CONSENSO PARA DESBLOQUEAR A SITUACIÓN QUE VIVE A CIDADE DE OURENSE A CAUSA DO “DESGOBERNO DE TRES” DE JÁCOME

Os socialistas resaltan que “Ourense non merece o goberno minoritario actual, nin ser refén de cálculos partidistas”, polo que os partidos teñen “o deber e a obriga de dialogar” para construír un goberno representativo do sentir maioritario da cidade

O voceiro socialista, Rafa Villarino, que Ourense vive unha situación “caótica”, gobernada por tres persoas “sen experiencia de goberno nin competencia para levar adiante á cidade”

Ourense, 1 de outubro de 2020. O PSdG-PSOE impulsa unha iniciativa para desbloquear a preocupante situación que vive a cidade de Ourense, a causa do “desgoberno de tres” presidido por Gonzalo Pérez Jácome. Nunha iniciativa que se debaterá no pleno de mañá venres, os socialistas instan aos grupos a participar “nunha canle de diálogo” para “desbloquear a situación de parálise”, co obxecto de “construír un goberno municipal representativo do sentir maioritario da cidade que dea resposta ás necesidades da veciñanza de xeito estable e responsable, tal e como esta merece”.

Os socialistas destacan que “no último lustro conformouse unha xestión municipal ineficiente que está a afastar a Ourense da senda de desenvolvemento”, a causa das “diferenzas entre grupos políticos” que sendo “lexítimas”, no caso da terceira cidade de Galicia, desenvorcaron nun “bloqueo institucional con efectos prexudiciais directos sobre a cidadanía”. Entre outras destacan a parálise na xestión dos servizos esenciais; unha ausencia de modelo de cidade e dun novo PXOM; ou a incapacidade orzamentaria, entre outros.

O voceiro, Rafa Villarino, asegura que Ourense está nunha situación “caótica” e apunta a que está gobernada por “tres persoas que non teñen experiencia de goberno nin competencia para levar adiante un municipio de 106.000 habitantes”, destacando que se trata de 3 concelleiros “que non están dentro dunha formación política que lles poida dar apoio e asesoramento”. Tamén avoga por que os representantes dos partidos políticos dialoguen para dar solucións os problemas da veciñanza, facilitarlle servizos de calidade e unha contorna segura dotada dunha “mobilidade sostible”, con numerosos espazos verdes, reclamos turísticos atractivos, infraestruturas modernas e oportunidades laborais para a cidadanía.

“A cidade ansía ollar con ilusión unha transformación, que a sitúe na liña de avance das restantes urbes modernas da nosa terra, xa que conta cos recursos económicos necesarios para elo”, explica Villarino. Os socialistas apuntan que como partido que gañou as últimas municipais e “representa o sentir maioritario de Ourense. O voceiro municipal do PSdeG sinala que “os socialistas amosamos en varias ocasións a vontade para buscar solucións dialogadas e positivas que permitan superar o impas que se torna a cada intre que pasa menos tolerable”.

Desde o PSdeG-PSOE insisten en que “Ourense non merece o goberno minoritario actual, nin ser refén de cálculos partidistas”, polo que os representantes de todos os partidos políticos da corporación teñen “o deber e a obriga de dialogar”. Tamén recordan que o concello “conta con recursos económicos pero carece dun goberno solvente para ordenar, planificar e executar accións responsables” en pro dunha cidade que “ansía transformacións que a sitúen na liña de avance”.

Logo de “descoordinacións, disputas e confrontacións internas” que marcaron o devir do bipartito entre PP e DO l e das “desavinzas internas da propia DO levaron a unha ruptura no seo deste grupo” entre graves acusacións delictivas cruzadas, a cidade está actualmente sumida nun caos que, insisten, require de solucións inmediatas baseadas no consenso.

Os socialistas resaltan que “a consecuencia actual deste clima de liortas” é que a cidade está a ser gobernada “polo alcalde e dous concelleiros de DO, todos eles sen experiencia de goberno e integrados nunha formación baixo sospeita”, polo que consideran perentorio e urxente “diálogo” para acadar un “goberno alternativo” e “estable” que represente o sentir maioritario da cidadanía, expresado nas urnas nas eleccións locais de 2019.