Concello de Ourense INICIATIVAS

O pleno do Concello de Ourense respalda as iniciativas socialistas

O PLENO DO CONCELLO APROBA AS INICIATIVAS SOCIALISTAS PARA A CREACIÓN DUNHA TARXETA MOZA E PARA MANTER O CENTRO DE COÑECEMENTO DA MOLINERA NA SÚA UBICACIÓN ORIXINAL

Borja López destaca que a tarxeta moza ten o obxectivo de “fomentar e consignar unha liña de axudas para que a xuventude da cidade poida acceder con maior facilidade a descontos económicos”

Natalia González defendeu que La Molinera “xa é un elemento singular e histórico para a nosa cidade” e avogou porque siga funcionando como ata agora e non se cambie de ubicación

Ourense, 2 de outubro de 2020. O pleno do Concello de Ourense aprobou na sesión ordinaria de hoxe, correspondente ao mes de outubro, dúas mocións socialistas nas que solicitaban, por un lado a creación dunha tarxeta moza municipal co fin de ofrecer descontos en comercio, cultura, ocio e deporte para a xuventude de Ourense e por outro que se inste ao goberno municipal a que se comprometa a manter o centro de coñecemento da Molinera na súa ubicación orixinal. A primeira contou co apoio de todos os grupos políticos, agás do PP, que votou en contra e na segunda recibíronse 24 votos a favor, votando en contra os 3 membros do grupo de goberno municipal.

No relativo a creación da tarxeta moza, o Grupo Municipal Socialista defendeu a necesidade de “darlle prioridade a mocidade”, implementando a nivel local as infraestruturas dispoñibles, a oferta de actividade e tamén regular a súa participación social e facilitar o seu acceso ás compras no comercio local, aos eventos culturais e deportivos da nosa cidade e tamén a outras alternativas de ocio, que poden chegar a evitar outros problemas sociais de maior dimensión neste colectivo, como por exemplo a adicción ás drogas ou o fenómeno do botellón.

O concelleiro socialista, Borja López Trigás, encargado de defender a moción destacou que “esta é unha boa iniciativa municipal e que contaría co respaldo das asociacións de comerciantes, da asociación de taxistas, de establecementos locais e outras administracións”. O obxectivo segundo explicou o socialista “é fomentar e consignar unha liña de axudas a través desta “Tarxeta Moza”, para que a xuventude da cidade no rango de idade dos 14 aos 26 anos (incluídos os estudantes de fóra residentes en Ourense) poida acceder con maior facilidade a descontos económicos, e, polo tanto, contribuír á dinamización da economía local e consumir actividades alternativas de ocio, á vez que axudamos ao fomento da nosa cultura e o noso deporte, tamén favorecemos a mobilidade urbana sostible e segura e apoiamos o uso do taxi e o transporte público”.

O concelleiro López Trigás na defensa da moción para a creación da tarxeta moza.

López Trigás subliñou tamén que se trata dunha iniciativa “pioneira” en Galicia, “cun custe bastante reducido para as arcas municipais” e que pode ser “un gran aliciente” para os mozos e as mozas da cidade e que “co apoio do Concello axudará de maneira transversal a moitos sectores do noso tecido económico”.

Por outra banda, na moción de manter a ubicación orixinal do centro de coñecemento de La Molinera e no que o Partido Popular votou en contra, os socialistas lembraron que “xurdiu dunha vella reivindicación veciñal para recuperar as antigas instalacións da panificadora que existían na zona”. A autodefinición deste centro municipal é a dun laboratorio de innovación social dixital centrado nas persoas, co obxectivo de converter a Ourense nunha cidade innovadora e pioneira.

A concelleira socialista, Natalia González, defendeu o “bo funcionamento, rendemento e acollida cidadá” do centro de coñecemento de La Molinera e aportou datos dos últimos anos, onde en 2017 recibiu a máis de 32.500 usuarios, máis de 150 actividades, 15 eventos e 14 visitas escolares; aumentando en 2018 a 37.700 usuarios, case 100.000 visitas na web, 212 actividades e máis de 60 iniciativas emprendedoras iniciadas.

A concelleira socialista Natalia González defende que se manteña o centro de coñecemento de La Molinera na súa ubicación orixinal.

Ante as declaracións do alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, que en novembro de 2019 anunciaba que La Molinera se convertería no novo Centro de Intelixencia Artificial, González Beneitez, subliñou que La Molinera “xa é un elemento singular e histórico para a nosa cidade” e apuntou que “conta cun equipamento fundamental para o Concello de Ourense na ubicación na que se atopa”. A concelleira socialista tamén afirmou que é unha infraestrutura pola que “loitaron e traballaron todos os representantes municipais de distintas  cores políticas, e que agora nós entendemos que de ser trasladado perderá toda a súa esencia e acabará desmantelado e sen funcionamento, para deixar sitio a un suposto Centro de Intelixencia Artificial que a todos nos xera dúbidas tanto a súa creación coma a súa viabilidade”.

O Grupo Municipal Socialista quixo tamén destacar o traballo levado a cabo polos voluntarios de La Molinera nos últimos meses, fabricando día e noite milleiros de mascarillas a través de impresoras 3D para a protección das persoas contra  o coronavirus, “incluído Gonzalo Jácome, o mesmo que quere cambiar este centro de emprazamento polo seu capricho de que o lugar sexa ocupado por un centro de IA do que pouco ou nada sabemos, salvo o gran investimento que precisaría”, finalizou Natalia González.