Denuncias deportes

Denunciamos a “errante xestión” do PP que está aniquilando Manzaneda

O PSDEG-PSOE AMOSA A SÚA “FONDA PREOCUPACIÓN” POLA “ERRANTE XESTIÓN DE MANZANEDA” E RECLAMA A VOLTA DE TRIVES E MANZANEDA AO CONSELLO DE ADMINISTRACIÓN

Os socialistas cuestionan se Baltar está a “manobrar” para deixar deserto intencionadamente o concurso público “co fin de tramar unha adxudicación a dedo, sen cumprir os requisitos de transparencia”

“Manzaneda parece un xoguete que Xunta e Deputación empregan dentro das súas leas de poder internas, prexudicando gravemente ás comarcas do oriente da provincia”, advirten

Ourense, 12 de outubro de 2020. O PSdeG-PSOE amosa a súa “fonda preocupación” e o seu “importante malestar” pola “errante xestión” da estación de montaña de Manzaneda, que están a executar a Xunta de Galicia e Deputación de Ourense. Ante estes feitos, os socialistas reclaman “o inmediato retorno” dos concellos de Trives e Manzaneda ao consello de administración de Meisa (Manzaneda estación invernal S.A.), “tras ser apartados á forza co único fin de ocultar aos partidos que non son o PP, a información relevante que alí tratan”. “Aquela estratexia para deixar fóra das decisións de Meisa aos dous únicos municipios nos que localiza o complexo de montaña, foi unha mostra do arraigado escurantismo e a falta de transparencia dos accionistas maioritarios: Xunta e Deputación”, advirten.

“A espantada do xerente a través dunha mensaxe de Whatsapp hai uns días é o último paso nunha escalada de despropósitos e desfeitas contra a estación e contra as comarcas da súa contorna”, sinalan os socialistas antes de advertir que Manzaneda queda “totalmente abandonada, sen xerencia e sen empresa” cando está a piques de comezar a tempada de deportes de inverno “por culpa da xestión caciquil do PP”. “Tamén amosamos a nosa inquedanza polos 38 traballadores ─a meirande parte da comarca─ que están en ERTE desde marzo, abandonados polos responsables políticos e empresariais de Meisa”, lamentan.

Desde o PSdeG-PSOE cuestionan se “realmente é Baltar quen está a manobrar” para “deixar deserto intencionadamente o concurso público” de 580.000 euros, “co fin de tramar unha posterior adxudicación a dedo, sen cumprir cos requisitos mínimos de transparencia, publicidade e equidade que regulan os procedementos abertos de concorrencia competitiva”. “Que intereses escuros ten a Deputación de Ourense en Manzaneda?” preguntase tras recordar que hai pouco máis dun ano un xulgado do contencioso-administrativo anulou a prórroga da xestión a Oca Hoteles, acordada a dedo polo consello de administración de Meisa co voto a favor da Deputación, tras unha denuncia da propia Xunta de Galicia que estaba en contra desa decisión.

Tanto Meisa como os seus dous accionistas maioritarios levan anos denegando o acceso á documentación do contrato de xestión que, de forma reiterada, solicitan por escrito os deputados, concelleiros e alcaldes socialistas. Tampouco facilitaron as resolucións xudiciais que afectan á estación de montaña. “Meisa, Xunta e Deputación pásanse a bóla entre eles para non dar explicacións duns feitos que están obrigados a clarexar porque así o estipula a Lei 19/2014 de transparencia, acceso á información pública e bo goberno, vulnerando tamén o previsto no artigo 14 do Real Decreto 2568/1986 de 28 de novembro, sobre Regulamento de Organización, Funcionamento e Réxime Xurídico das Entidades Locais”, resaltan.

Ante estes feitos, desde o PSdeG-PSOE de Ourense salientan que “Manzaneda parece un xoguete que Xunta e Deputación empregan dentro das súas leas de poder internas, prexudicando gravemente ás comarcas da provincia que teñen ao complexo como un elemento dinamizador e como un proxecto tractor das súas economías locais”. Tamén recordan que, durante estes anos, denunciaron en numerosas ocasións un sinfín de queixas de usuarios e usuarias pola falta de mantemento das instalacións hoteleiras, e pola mala xestión da empresa ─á  que a Xunta lle regalou accións que logo revendeu─ en servizos como o telesilla, o aluguer de esquíes ou a xestión de forfaits.

“Manzaneda ten grandes posibilidades para actividades de montaña tanto no verán como no inverno, pero é vergoñento que non se se aproveite nin sequera cando hai neve, situación que evidencia a incapacidade dos accionistas e dos xestores”, aseguran. “Para as comarcas de Trives e Valdeorras é un revulsivo que está completamente desaproveitado”, conclúen.