INICIATIVAS SOCIALISTAS OURENSÁNS NAS INSTITUCIÓNS

Instamos ao goberno galego a levar a cabo a construción do centro de saúde do Vinteún

A PARLAMENTARIA SOCIALISTA CARMEN RODRÍGUEZ INSTA AO GOBERNO GALEGO A QUE SE COMPROMETA A FIXAR “DE INMEDIATO” UN CALENDARIO PARA LEVAR A CABO AS OBRAS DO CENTRO DE SAÚDE DO VINTEÚN

Os socialistas denuncian un novo episodio de “desleixo” por parte de Feijóo cara Ourense tras gardar nun caixón o proxecto do centro de saúde do Vinteún que en 2019 “fartouse de vender a bombo e platillo”

Rodríguez Dacosta critica “a falta de miras do goberno galego” e denuncia que “se incumpra novamente unha promesa feita a un barrio que leva lustros demandando un centro de saúde en exclusividade”

Ourense, 18 de novembro de 2020. A parlamentaria autonómica do PSdeG-PSOE de Ourense, Carmen Rodríguez Dacosta, presentara no Parlamento de Galicia unha iniciativa na que insta á Xunta de Galicia a que se comprometa a fixar “de inmediato” un calendario para o inicio, a execución e o remate das obras do centro de saúde do barrio do Vinteún, así como a consignar as partidas orzamentarias correspondentes para poder levalo a cabo na actual lexislatura. Os socialistas denuncian un novo episodio de “desleixo” por parte de Alberto Núñez Feijóo cara Ourense, tras gardar nun caixón o proxecto do centro de saúde, que en 2019 “fartouse de vender a bombo en platillo”.

No día de onte, coñeceuse que o centro de saúde do Vinteún terá que esperar. “Resulta indignante que en 2019 o Consello da Xunta anunciase a construción do centro de saúde do Vinteún e que dous anos despois aparte o proxecto”, explica Carmen Rodríguez Dacosta. Un centro de saúde que leva lustros sendo unha demanda dos veciños e veciñas deste barrio ourensán, pero que segundo afirma a parlamentaria socialista “terán que esperar porque os anuncios do entón alcalde, Jesús Vázquez, e de Núñez Feijóo en 2019 non foron máis que fume electoral e a realidade é que a día de hoxe non hai traza algunha de comezar as obras”.

Dende o PSdeG en Ourense fan fincapé tamén en que foi en 2019 cando o Partido Popular sinalaba que o centro de saúde do barrio do Vinteún formaría parte da rede de vinte cinco centros que a Xunta construiría e reformaría en toda a comunidade autónoma. “A realidade é que a día de hoxe só se acadou por parte da Xunta a construción do centro de saúde do barrio do Couto e non está previsto a ampliación da rede de centros de saúde na cidade, onde levamos anos reclamando estas instalacións para o Vinteún e Mariñamansa”, apunta Rodríguez Dacosta.

Cae lembrar que a propia corporación municipal acordou reclamarlle á Xunta de Galicia a construción deste centro de saúde con equipamento adecuado aos novos tempos e que foi demandado fai máis dunha década, “sen que a día de hoxe haxa ningún proxecto para comezar as obras”, destaca a parlamentaria socialista, que tamén lembra que “xa fora a xestión urbanística do PSdeG-PSOE de Ourense no Concello a que puxera a disposición da Xunta e formalizara a cesión das parcelas de titularidade municipal nos barrios de O Couto e do Vinteún para a construción de ambos centros de saúde e para a preceptiva ocupación dos terreos, explanación e urbanización da parcela, co obxectivo de adaptala as demandas da Consellería de Sanidade.

A parlamentaria socialista ourensá tamén trasladará varias preguntas ao executivo galego, entre as que destacan “a previsión ten o goberno galego para a construción do centro de saúde no barrio do Vinteún, despois de que o deseño para o centro leve dez anos nun caixón da Xunta” e “cal e o cronograma de actuación que ten o goberno para a construción do centro de saúde”. “Temos que esixirlle a Feijóo que cumpra coa veciñanza e coa sanidade en Ourense, xa estamos fartos de promesas incumpridas e de proxectos que o PP vende para rematar gardando nun caixón” sinala Dacosta, antes de finalizar afirmando que “a falta de miras do goberno galego en Ourense é total”.

O centro de saúde de Pereiro rematado, inaugura e pechado

Carmen Rodríguez presentou tamén no Parlamento unha serie de iniciativas para reclamarlle á Xunta que poña en marcha o novo Centro de Saúde de Pereiro de Aguiar. A infraestrutura xa está rematada, e mesmo inaugurada “oficialmente” polo presidente da Xunta o pasado 6 de novembro, pero segue sen abrir as portas.

A responsable socialista considera incomprensible este novo retraso dunha instalación fundamental para os veciños e veciñas da localidade, que logo de anos de atrasos continuados, teñen que ver como a día de hoxe continúa pechado en plena pandemia.

Esta actuación remóntase ao ano 2014, cando Grupo Socialista presentaba unha moción no Concello para solicitarlle á Xunta un centro de saúde con medios materiais e humanos suficientes para as necesidades da poboación. Os socialistas galegos reclamaron que o centro incluíra novas especialidades en Fisioterapia, Primaria e Pediatría, que agora será rotativa e compartida con outros concellos cando Pereiro ten máis de 800 rapaces e rapazas de menos de 15 anos.

Non foi ata novembro de 2017 cando a Xunta anunciaba a construción do novo centro de saúde, que aínda comezaría as obras en outubro de 2018, ata o día de hoxe, en que a obra xa está rematada pero aínda segue sen estrear. Sinalou que a día de hoxe ademais “non se iniciaron as obras do aparcamento”.